Expo A asociación cultural Gentalha do Pichel inaugura esta cuarta-feira, día 21, ás 19:00, no centro social de Sar, en Compostela, a exposición fotográfica "AS BRANHAS DO SAR EM FOTOS". Organízase en parceiría co núcleo comarcal de Verdegaia. A maior parte das fotos foron feitas no roteiro que se fixo esta primavera para coñecer este espazo natural e senlleiro da cidade compostelá. O espazo foi considerado como obxecto dun plano especial de recuperación e conservación na ordenación urbana do alcalde Estévez de hai 20 anos, mais nunca se chegou a desenvolver.

 Aconteceu todo o contrario: o 35% da súa superficie foi estragada con obras ilegais, dexeneracións urbanísticas, verteduras de lixo e infraestruturas agresivas permitidas, -e en moitos casos promovidas- polo propio concello.

Urbanisticamente, trátase dun polígono de 46 Ha nas ribeiras do río Sar que xace xusto entre o caso urbano da capital e a Cidade da Cultura. O malfadado proxecto faraónico trae agora como novo efecto colateral, as administracións faceren acordar o plano especial das brañas para urbanizaren aínda un 15% máis desta paraxe natural. Baixo o cabezallo da recuperación, o que resulta é a consolidación das construcións de anos anteriores máis a implantación de novas avenidas, edificios públicos e instalacións deportivas que procuran concectar o lastre fraguiano do Gaiás co centro da cidade.

Verdegaia entende este plano como unha extraordinaria oportunidade para na actuación municipal primar verdadeiramente a recuperación de zonas agredidas e a conservación, fronte a construción de novas infraestruturas. Apélase, neste senso, ás directrices e a focaxe do informe previo redixido pola equipa de Albert Cuchí e entendemos a necesidade e a importancia de a poboación enxergar con especial sensibilidade a valoración dun xeito alternativo de xestión do noso patrimonio natural, fuxindo xa dos custosos parques urbanos minimalistas e artificializados. (Video 1:54)

Estas brañas, como son, e como foron desde tempos do neolítico, coas súas xunqueiras; labirintos de salgueiros, ameneiros e freixos; as leiras de produción caseira, as vimbieiras dos cestos, as prezadas orquídeas autóctones e a case desaparecida andoriña do cu branco, son unha riqueza para a cidadanía poder gozarena así, ao natural.

Na exposición do roteiro fotográfico que se apresenta no centro social de Sar (e para o mes de agosto nas Fontiñas), O Pichel e Verdegaia denuncian as agresións do plano especial; mais sobre todo, destácan os valores naturais, os estímulos positivos e vitais e mesmo a economía sustentábel que acubilla esta nosa paraxe pola que habemos loitar.

jpg Cartaz Expo "As Branhas do Sar em Fotos" CS Sar e CS Fontiñas