Entre este mes e decembro a UE decidirá a súa resposta perante a mudanza climática. As decisións da UE terán un grande impacto nos resultados das negociacións internacionais abertas para estabelecer antes de decembro de 2009 un acordo global para evitar unha mudanza climática perigosa, acordo que substituirá o Protocolo de Quioto a partir de 2013. As principais organizacións ecoloxistas promoven unha campaña para pediren ao Parlamento Europeo a adopción de medidas que manteñan o quecemento global por debaixo de 2º C. Ti tamén podes apoiar esta demanda! Depende de nós que a UE asuma un liderado real na loita contra o maior problema ambiental global!

Segundo o Grupo Intergobernamental de Expertos sobre Mudanza Climática (IPCC, siglas en inglés) da ONU, se a temperatura do planeta aumenta por riba dos 2ºC, até atinxir os 3ºC-4ºC por riba dos níveis pre-industriais, os efectos serán especialmente catastróficos. Máis de mil millóns de persoas en todo o mundo sufrirán secas e escaseza de auga e máis da quinta parte de todas as especies correrán un perigo de extinción cada vez maior.

Os países industrializados, entre eles os da UE, deberían reducir as súas emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de efecto invernadoiro entre un 25 e un 40% en 2020 a respecto de 1990. E nun 80% antes de 2050.

Para contribuíren a prevenir alteracións climáticas catastróficas, os líderes europeos deberían comprometerse a:

-Reducir as emisións en Europa polo menos nun 30% antes de 2020. Para atinxir este obxectivo non se debe permitir ás industrias que participan no comercio de emisións e aos estados recorreren á compra de créditos de carbono externos á UE (maioritariamente obtidos a través de proxectos en países do Sur, de acordo co Mecanismo para o Desenvolvemento Limpo). Os créditos de carbono só se deberían utilizar para conseguir reducións adicionais ao 30%, e sempre e cando cumpran estándares rigorosos que garantan a sustentabilidade e beneficios reais para o clima. Estes estándares deberían ser polo menos equivalentes ao “CDM Gold Stándar”.

-Suministrar un importante financiamento adicional para axudar aos países en vías de desenvolvemento a reduciren o seu aumento de emisións e a se adaptaren aos impactos xa inevitables das alteracións climáticas. Polo menos o 50 % do diñeiro obtido coa subhasta dos permisos de emisión entre as industrias (hoxe son distribuídos gratuitamente polos Estados membros) deberíase destinar a financiar a mitigación e adaptación ás alteracións climáticas nos países empobrecidos. Os países europeos deben compensar aos países do Sur polos danos causados polas súas emisións históricas de gases que provocan a mudanza climática global.

Apoia a campaña “Time to lead”!

Porén, o debate que está a ter lugar entre o Parlamento Europeo e os representantes dos gobernos dos Estados membros da UE non vai na dirección necesaria para mantermos o quecemento da Terra por debaixo dos 2ºC.

Climate Action Network Europa (rede que agrupa a asociacións ecoloxistas de diversos estados europeos), Friends of the Earth Europa, Greenpeace e WWF veñen de iniciar unha campaña para tentar que Europa leve a dianteira na loita contra as alteracións climáticas. Na web www.timetolead.eu podes informarte da evolución dos debates sobre o paquete europeo de medidas climáticas e enerxéticas e preguntar aos eurodeputados e eurodeputadas se están preparados de verdade para se manteren en cabeza. Faino agora!