Seguro que xa o apuntaches, pero recordámoscho: este sábado 25 de abril tes unha cita. Unha cita co sentido común. Co aforro. Coa ecoloxía e o respecto pola terra. Tes unha cita coa xente da túa cidade, coas ganas de gozar e de encher as rúas de vida e actividade. Este sábado 25 de abril tes troco.
Plantaremos os nosos postos de troco e cesión na rúa Urzáiz, fronte ao mercado do Calvario, entre as 11:00 e as 13:00 horas (ou, se chove, no Centro Social do Calvario, antiga "Cultural", na rúa Numancia 3). Así que xa sabes: o sábado 25, no Calvario, tes unha cita co MERCADIÑO DE TROCO E CESIÓN.
Alí agardámoste. Trae o que teñas, pon o teu posto e troca o que tes polo que requires. Para que gastar diñeiro se podes conseguir o mesmo de balde? Libros, discos, materiais de informática, decoración, fogar, roupa… Pensa no que precisas e ven a buscalo. Sinxelo, verdade?
Non só aforrarás: tamén apostarás por un consumo consciente, que busca cubrir as nosas necesidades sin afogar ao planeta con refugallos. Súmate ás que estamos convencidas de que non só é coherente cambiar a nosa forma de consumir, senón que é xa imprescindible para a saúde e o benestar coletivos.
Asinado:
Amarante, Árbore, Caleidoskopio, Verdegaia e Centro Social do Calvario
Vigo, 25 de abril de 2009