A asociación ecoloxista Verdegaia presentou este Martes na Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e na Consellería de Medio Ambiente, unha denuncia polo verquido de materiais considerados perigosos que se ven realizando nas últimas semanas a carón do río Miño no lugar de Carregal (Tomiño).
Entre os materiais verquidos atópanse uralita, neumáticos e grande cantidade de poliestireno expandido (poliespán). A acumulación destes materiais sen control supón unha grave ameaza ambiental para a contorna pola súa capacidade contaminante, sendo especialmente preocupante a enorme cantidade de poliespán polo perigo que supón para a fauna do río Miño. Diversos estudos reflicten que este material fragméntase facilmente en pequenas bolas que tanto aves como peixes confunden con alimento, provocándolles danos que habitualmente rematan coa súa vida.
A proximidade do verquido de poliespán ao río Miño (menos de 50 metros) e os fortes refachos de vento que se verificaron nos últimos días levaron a que parte dese material xa estea nas augas do Miño, espazo pertencente á Rede Natura 2000 por formar parte do Lugar de Importancia Comunitaria “Baixo Miño” e da Zona de Especial Protección para as aves “Esteiro do Miño”.
Verdegaia ven reclamando das diferentes administracións un maior control deste tipo de puntos que na práctica funcionan como verdadeiros vertedoiros, especialmente en casos como este moi próximos de ecosistemas que aloxan unha importante biodiversidade.
Dende a nosa asociación solicitamos que se retiren canto antes os diversos materiais verquidos, que se sancionen os responsables desta infracción, e que se tomen as medidas oportunas para que esta infracción non se volva repetir no futuro para o que é imprescindible que as diferentes administracións se coordinen e colaboren coas asociacións de veciños e demais colectivos sociais e así conseguir valorizar socialmente estes espazos naturais.
Contacto: João Serdoura 681-04-11-77