PRAZAS LIMITADAS! APÚNTATE XA! VÉMONOS NO DUNAR DE NERGA!

A Comunidade de Montes Veciñais do Hío (Cangas) convoca a súa primeira intervención en colaboración coas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia o sábado 7 de marzo.

Imos arrincar e descascar acacias na zona dunar de Nerga, no LIC Costa da Vela, un traballo que dividiremos en grupos nas que unhas arrancarán novas prantas e outras serán descascadas, outro grupo encargarase tamén da retirar unhas Herbas da Pampa, para o que precisaremos que traiades luvas e machada se dispoñedes dela, de todos xeitos teremos algunha para quen non dispoña dela.

Lugar de encontro: Aparcamento de Nerga. Achegamos a localización: https://goo.gl/maps/sL4vUM4GtKyvbXpM9

Horario: 10:00 h exposición do plan de traballo e reparto de grupos e tarefas. 13:30 h fin da xornada.

Para participar precisades estar dadas de alta como brigadistas e anotarvos ata o día 3 de marzo enviando un email á Comunidade de Montes do Hío no correo: montesdohio@gmail.com

As accións das Brigadas deseucaliptizadoras e desacaciadoras, cun non menos importante sentido de confraternidade e comunidade, articúlanse por volta dos conceptos tradicionais de roga (chamada ao traballo en común) e albaroque (xantar comunal de agradecemento ás voluntarias). A Comunidade de Montes do Hío ofrecerá ó rematar a xornada un pequeno albaroque para as persoas voluntarias que veñan de fóra do Morrazo, que inclúe opción vexetariana para as persoas que se anoten nesa opción. Haberá garrafas grandes de auga, pero para aforrar envases invitamos a que cada persoa traia da casa a súa garrafa, que poderá reencher coas nosas.

Outras recomendacións: Traede roupa e calzado cómodo para traballar no monte, luvas, pantalón longo e roupa de auga se fose preciso. Aínda que imos ter algunhas machadas e luvas, agradeceremos que no posible traiades as vosas da casa.

Queremos convidar a todas as veciñas e veciños do Morrazo que se queiran achegar, mais tamén a brigadistas doutros lugares a traballar connosco e liberar o noso monte dunha especie foránea adaptada a climas alleos extremadamente secos que, a día de hoxe, avanza sen control e supón unha ameaza non so para o monte senón para os ecosistemas dunares.

Estamos convencidas de que, no marco das Brigadas deseucaliptizadoras e a firme vontade de botarse ao monte e traballar, estamos a tempo de salvar o futuro do monte galego, así como o noso espazo como parte dunha natureza que, en definitiva, é a casa de todas e todos.

Sabemos que non hai solucións dende arriba e que calquera con vontade e ganas podemos participar e ser actores e actrices do noso futuro. Cada día somos máis brigadistas. Cada día hai máis iniciativas locais afíns crecendo e organizándose por todo o territorio galego. Queremos seguir avanzando, con máis forza e rexenerar os nosos ecosistemas, da nosa comarca, no noso país. Vivimos nunha terra privilexiada pola auga e o clima e non temos dereito a roubarlle ás xeracións futuras a casa, a saúde, a vida…

VÉMONOS NO MONTE!