Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e SEO/Birdlife chamaron ao Goberno Español e á Comisión Europea a revisar urxentemente os impactos reais dos agrocombustibles no cambio climático e na soberanía alimentaria, e a priorizar a eficiencia enerxética no transporte. A nova lexislación debe ter en conta a pegada total de carbono dos agrocombustibles mediante a introdución de factores de mudanza indirecta do uso do solo.
Segundo un novo estudo, encargado por unha coalición europea de organizacións ecoloxistas e de desenvolvemento, os plans para aumentar o uso de agrocombustibles en Europa nos próximos dez anos requirirán o uso de ata 6,9 millóns de hectáreas de novo solo en todo o mundo e empeoraría a mudanza climática. Esta investigación inclúe os impactos debidos ao cambio indirecto do uso da terra que provocan os agrocombustibles. A miúdo estes substitúen cultivos de alimentos ou pastos para gando, que son recolocados noutras zonas (bosques, pastos, turbeiras) que ao se destruíren emiten CO2. O estudo chega nun momento chave para a política de agrocombustibles da UE, xa que a Comisión Europea ten que informar sobre como xestionar e minimizar estas emisións ao final do ano.
O informe conclúe que, para obter a materia prima necesaria para cubrir os obxectivos de 2020, sería necesario converter en campos de cultivo e plantacións unha superficie equivalente a 1,5 veces a superficie cultivable de España. Se os países europeos non mudan os seus plans para obter combustibles para o transporte a partir de cultivos alimentarios, ponse en perigo os bosques e os ecosistemas naturais en moitos países, alén de prexudicar a loita contra a fame e a inxustiza nas comunidades do Sur.
Esta investigación analiza por primeira vez o uso de agrocombustibles planificado polos Estados membro da UE nos seus Plans de Acción Nacionais de Enerxías Renovables e conclúe:
-Europa estabeleceu un aumento significativo do uso de agrocombustibles. Para 2020, segundo os Plans de Acción presentados polos Estados membros, os agrocombustibles fornecerían o 9,5% do combustible para transporte terrestre. Máis do 90% dos agrocombustibles procederá de cultivos alimentarios.
-Se se ten en conta o cambio indirecto do uso da terra producido pola maior necesidade de superficie agraria, os agrocombustibles emitirán entre 27 e 56 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro cada ano – isto equivale a que houbese en Europa entre 12 e 26 millóns de coches máis. Concretamente o aumento de emisións no Estado español equivalería ao CO2 xerado por un aumento de entre 1,8 e 4,28 millóns de coches.
-Se non se produce unha mudanza radical na política da Unión Europea, os agrocombustibles usados na próxima década serán de media entre un 81 e un 167% peores para o cambio climático que os combustibles fósiles, cando a normativa comunitaria require explicitamente que sexan entre un 35 e un 50% mellores.
Segundo os Plans Nacionais, cinco estados serán responsables de máis de dous terzos do incremento de emisións. Reino Unido, España, Alemaña, Italia e Francia producirán as maiores emisións debidas a agrocombustibles, no caso de España 9,5 millóns de toneladas de CO2 extra por ano.
Falsa solución contra o cambio climático
Branca González Ruibal, de Amigos da Terra declarou: “A Unión Europea ten que deixar de promover falsas solucións que seguen espoliando os recursos do Sur e afrontar urxentemente unha redución na demanda de enerxía no transporte”. Sara Pizzinato de Greenpeace engadiu: “A promoción do uso de agrocombustibles non debe ser a única nin a principal vía para o cumprimento da Directiva de Enerxías Renovables no transporte”. David Howell de SEO/BirdLife asegura que “Mentres non se teñan totalmente en conta os cambios indirectos do uso do solo, Europa continuará subsidiando unha alternativa enerxética que é significativamente peor que os combustibles fósiles aos que substituiría”.
O Ministerio de Industria Turismo e Comercio comunicou recentemente os obxectivos de introdución de agrocombustibles acordados para o Estado Español nos próximos anos, que estabelecen un 5,9% en 2011, o 6% en 2012 e o 6,1% en 2013. A Xunta estabeleceu no documento de inicio do Plan Enerxético de Galicia 2010-2015 un obxectivo de consumo de biocarburantes do 7% sobre o total da demanda de gasolinas e gasóleos en 2015. Segundo Ecoloxistas en Acción, “cómpre reducir a mobilidade motorizada e garantir que os agrocombustibles se obteñen con materia prima autóctona, sen impactos ambientais e sociais negativos”.
A insustentabilidade da política europea sobre biomasa
Este novo estudo vense sumar a outros dous recentes que cuestionan os aforros de emisións de CO2 do uso da biomasa e os agrocombustibles coa actual política da UE. A previsión da UE é que o 60% das enerxías renovables en 2020 (20% do total) se baseen na biomasa. Nese marco, a Directiva de Enerxías Renovables esixe que os agrocombustibles utilizados signifiquen un aforro de polo menos o 35% (o 50% a partir de 2017) de emisións de carbono, en relación ao que emitirían os combustibles fósiles.
BirdLife e mais as redes Transport & Enviroment e European Enviromental Bureau elaboraron o informe “Bioenerxía: unha bomba de tempo na contabilidade do carbono”, que á súa vez recolle os resultados de dous estudos.
O primeiro estudo, “A débeda de carbono da bioenerxía”, analiza o tempo que tardará o carbono de orixe vexetal que se queimou en volver ser fixado nunha nova planta, compensando así as emisións realizadas. Se a biomasa se emprega para substituír combustibles fósiles, producirase un beneficio cando as emisións xeradas pola súa queima sexan menores que as derivadas dos combustibles fósiles.
Os resultados son moi diferentes dependendo do tipo de material. O proceso é beneficioso dende o principio, aínda que non ten emisións nulas, se se trata de residuos forestais, ou no caso de conversión de terras de cultivo a bosques. Pero no caso de bosques explotados intensivamente estes beneficios poden tardar entre 2 e 3 séculos en producirse, o que será demasiado tarde para loitar contra o cambio climático. Este elemento temporal é ignorado na normativa enerxética europea, que prevé unha redución de emisións para 2020 baseándose nesta fonte de enerxía.
O segundo dos informes, “Biofueles: mudanza de uso da terra indirecta e impacto climático”, é o que pon máis en dúbida a política da UE. Denuncia tamén que non se están a ter en conta as emisións debidas aos cambios indirectos de uso do chan. Segundo distintos modelos, ter en conta estes cambios significa sumar emisións de CO2 que van dende 2/3 ata 6 veces a pegada de carbono total do gasóleo ou a gasolina. A demoledora conclusión é que para a maioría dos cultivos (exceptuando algúns tipos de etanol e só en determinadas condicións) non se cumpren os aforros de emisións que establece a propia UE na Directiva de Enerxías Renovables.
Documentación
‘Anticipated Indirect Land Use Change Associated with Expanded Use of Biofuels in the EU: An Analysis of Member State Performance’. Resumo. Informe completo.