lobo_subadulto_morto.jpgDecenas de casos de envelenamento nos nosos montes ocupan cada ano as páxinas da prensa na comunidade galega e créanlle malestar aos lectores, pero desgraciadamente non se adoita chegar ao trasfondo da cuestión. Debemos realizarnos dúas preguntas claves: ¿Con que produtos se envelena a fauna? ¿Onde se pode obter ditos produtos?

Xeralmente esa morte de centos de animais anuais ten a súa causa en produtos fitosanitarios, tamén coñecidos como herbicidas. A súa composición tóxica é a culpable de casos masivos de envelenamentos nos nosos montes de fauna silvestre e doméstica. Ademais de cans, as principais especies afectadas adoitan ser aves rapaces, raposos, lobos e pequenos carnívoros como a garduña ou o teixugo.

A comercialización e emprego destes químicos está regulada pola lexislación que especifica necesaria a tenencia do carné de manipulador para a súa compra así como a achega de datos básicos persoais no rexistro de venta dun local debidamente autorizado.

Desgraciadamente, este proceso como moitos outros, non leva un seguimento axeitado por parte da Consellería de Medio rural e actualmente case calquera pode mercar herbicidas en calquera sitio sen achegar ningún tipo de autorización. En Galicia, síguese envelenando indiscriminadamente a fauna silvestre ante tal pasividade da administración.

A lexislación que regula a comercialización destes produtos tiña tamén por obxetivo unha mellora da sanidade vexetal, unha profesionalización do sector e pórlle un freo ao impacto que ten o uso irresponsable de herbicidas nos medios acuáticos.

Dende VERDEGAIA esixímoslle ao Goberno galego que realice un seguimento exhaustivo do comercio de produtos fitosanitarios, que ante a detección de colocación de veleno nos montes siga escrupulosamente as pautas establecidas polo programa antídoto, que se realicen pesquisas nos establecementos fitosanitarios da localidade afectada e que manifeste máis interese pola conservación da fauna galega que pola repoboación forestal masiva de especies alóctonas á que nos ten acostumados.