• O Concello de Vigo está orgulloso de ter a árbore de Nadal máis alta do Universo pero as súas andrómenas impídenlle decatarse de que as verdadeiras árbores están nos xardíns e parques da cidade e seguen sendo sistematicamente cortadas.

A administración local comezou hai agora 14 anos unha cruzada inexplicable contra os chopos da Avenida Castelao en Coia.

En 2009 alegou que había que cortalos polo poder alérxico da lanuxe que soltan na primavera. Pouco despois especialistas en alergoloxía afirmaron que o polen dos chopos é pouco ou nada alerxénico…

En 2011 volveu á carga alegando que os chopos estaban doentes e había risco de caída anunciando que ía cortar 450 árbores. Cortou bastantes pero moito menos das 450 prometidas pola reacción popular e a ameaza de denuncias. Daquela Verdegaia solicitou formalmente o informe que xustificaba o corte. Aínda hoxe estamos esperando a contestación…

En 2023, alentado polo corte de árbores en decenas e decenas de rúas por toda a cidade, baixo o pretexto, seguramente correcto, de que algunhas árbores non están en bo estado de conservación, anuncia que desta é a definitiva e vai cortar a totalidade dos chopos.

Como é posible sacrificar todos os individuos dunha especie porque algúns poden estar débiles e enfermos?

O día 15 de decembro solicitamos mediante rexistro do concello o informe que xustifica o corte de todas esas árbores. Tal como recolle a Lei 27/2006, de 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, o Concello de Vigo dispón dun prazo máximo de un mes para entregarnos a información solicitada. No caso de que volva a incumprir a Lei 27/2006 procederemos a denunciar pola vía xudicial o incumprimento legal e a reincidencia que o caracteriza.

O goberno municipal ten a potestade política e a lexitimidade dos votos populares para actuar deste modo pero iso non significa que actúe correctamente. Considerar as árbores como un mero elemento de mobiliario urbano que se quita e pon demostra, ademais de insensibilidade ambiental, unha extrema pobreza moral.

Coia antes da corta.

Coia despois da corta.