A situación actual do río Eume está marcada, entre outras cousas, pola desecación dun tramo de 3,4 km e pola ameaza de mobilizar cara ás súas augas os residuos perigosos acumulados durante décadas no encoro de A Capela, segundo propón ENDESA. Isto non responde a un patrón natural, senón á neglixencia da concesionaria ENDESA, que non realizou os obrigatorios baleirados do encoro, nin un tratamento axeitado dos sedimentos xerados pola central térmica de carbón no período 1974-1990. Non podemos esquecer que as actuacións de ENDESA veñen da man dunha Administración Pública, estatal ou autonómica, que lle deu vía libre a dita transnacional para que marcase as súas propias regras de xogo, coincidentes ou non coa lexislación ambiental.

Trala denuncia da Fiscalía de delictos ambientais do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao non cumprir co caudal ecolóxico, a resposta de ENDESA foi a presentación do Proxecto de modernización do desaugadoiro de fondo do encoro do Eume, con data do 13 de maio de 2011, actualmente en fase de consultas previas á elaboración da Declaración de Impacto Ambiental. Verdegaia remitiulle un escrito a Augas de Galicia para facer pública a súa oposición a este proxecto e indicando que o Estudo de Impacto Ambiental é imprescindible en proxectos deste calado , dado o impacto severo que se produciría no río Eume de levárense a cabo as actuacións tal e como aparecen recollidas no proxecto.

Verdegaia denuncia que a opción elixida por ENDESA para permitir a posta en funcionamento dos desaugadoiros opta unicamente por resituar os sedimentos noutro punto do encoro, aínda tratándose de substancias perigosas, e que descarta un tratamento apropiado segundo o seu grao de toxicidade fóra do encoro.

A información recollida canto aos sedimentos limítase a unha análise granulométrica e non se achega ningunha analítica físico-química dos citados sedimentos, nin a caracterización do seu contido en metais, nin unha simple avaliación da súa ecotoxicidade. Esta falta de información ten como consecuencia que o proxecto non estime axeitadamente o impacto real augas abaixo do encoro e, consecuentemente, tampouco sobre a ría de Ares.

Convén salientar que incluso unha das medidas propostas, construir “4 balsas de decantación nos primeiros 1,3 km de cauce, no sector situado entre a presa e a central eléctrica”, estaría prohibida segundo o Artigo 97, apartados a e b, do Real Decreto Lexislativo 1/2001, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Augas. Tampouco se realiza ningún balanzo hídrico de previsión de subministro de auga á poboación afectada nas condicións que establece o Real Decreto 140/2003, de 7 de Febreiro, nin tampouco se realiza referencia ningunha sobre o establecemento dun programa de seguemento logo da operación e, consecuentemente, dun plan de recuperación do espazo se for necesario. Tampouco se describe unha programación temporal das medidas ou mecanismos necesarios para a redución ou eliminación doutros impactos non previstos no documento e que puideran xurdir.

Por todo o dito, dende Verdegaia sumámonos a outros colectivos, como AEMS-Ríos con Vida ou Fusquenlla, que están a denunciar os riscos desta actuación deseñada en base a criterios de aforro económico, á excesiva brevidade nos prazos e á falta de información. Proxectos deste tipo teñen que ser sometidos a Avaliación de Impacto Ambiental polo que lle esiximos á Xunta de Galicia que garanta o cumprimento da legalidade canto á calidade e á cantidade das augas baleiradas do encoro ao río Eume, sen poñer en risco as Fragas do Eume e a Ría de Ares.