Como saberedes, na pasada fin de semana celebramos o noso encontro de activistas. Este ano decidimos convidar xente doutros grupos cos que estamos a colaborar en rede, por estar na nosa propia natureza ese xeito de facer as cousas e porque entendemos que as redes non só se fan no traballo e na comunicación a distancia, senón tamén na proximidade e a confianza que permiten este tipo de espazos.
Para quen coñezades a contorna da Casa da Terra xa imaxinaredes o ben que se está alí, á sombra das chousas de carballos e á beira do Ulla. Contarvos que os días permitiron ademais que fixeramos todas as actividades no exterior.
O sábado comezamos por unha breve dinámica de presentación e logo do xantar xa pasamos ao tempo de traballo, no que partillamos os temas que están a centrar a actividade dos diferentes colectivos e cuestións como a coordinación entre as diversas iniciativas e a participación. A modo de conclusión podemos destacar dúas propostas concretas que comentamos para o medio prazo:
- A creación dun espazo dixital de coordinación e comunicación amplo. A proposta inicial estaba dirixida a poder englobar ás iniciativas que poidan estar en marcha en relación aos montes e bosques, pero déuselle un sentido amplo, aberto e flexíbel en relación ás temáticas ambientais.
- A convocatoria para o vindeiro ano dun gran encontro do ecoloxismo galego (tamén entendendo ecoloxismo nun sentido amplo), co gallo de crear un foro de encontro aínda máis amplo e que poida servir de referente para persoas e colectivos.
Despois desta sesión e da cea tivemos tamén tempo para o lecer, para os contos e historias da boca Celso Sanmartín, para pasear e aprender sobre estrelas guiados polo noso compañeiro Roi Seoage e mesmo para botarlle unha cantarea ao pé da queimada.
Rematamos a fin de semana na mañá do domingo, cun roteiro no que Xurxo Mouriño guiou o grupo para recoñecermos a vexetación propia da ribeira do Ulla e das zonas de prado adxacentes.
Como podedes ver a nosa intención é poñervos os dentes longos, para darvos envexa da boa e que quen non puido vir desta ocasión poida animarse para vindeiros encontros e tamén para ver se vos prestaría botar unha man en calquera das dúas propostas concretas que saíron da xornada do sábado.
Aquí deixamos algunha foto para demostrar que entre a realidade e este texto non hai tanta diferencia como entre o currículo dalgúns políticos e o seu paso polas aulas….