ence.jpg

A asociación ecoloxista galega Verdegaia apoia a marcha contra celulosas convocada pola APDR para o próximo 10 de xuño en Marín e en Pontevedra baixo o lema “Porque a recuperación da ría, os postos de traballo, e a saúde non poden agardar máis…ENCE fóra de Lourizán”. O peche canto antes de ENCE-ELNOSA en Lourizán é absolutamente necesario para resolver un grave problema de contaminación local e para favorecer a sustentabilidade en Pontevedra e a súa comarca. Sen embargo, a sustentabilidade da industria do papel vai moito máis alá da cuestión da ubicación da factoría de ENCE e require unha transformación global que incida sobre a ordenación e manexo dos eucaliptais, as tecnoloxías de produción, o consumo de papel e a reciclaxe.

A asociación ecoloxista Verdegaia subscribiu o documento “Unha visión común para transformar a industria europea do papel”, promovido polo European Environmental Paper Network (EEPN). A visión a longo prazo pola que aposta o documento é a dunha Europa “que consuma radicalmente menos papel que na actualidade”, cuxo papel sexa fabricado por unha industria que use tecnoloxías limpas e que dependa menos da fibra virxe das árbores e que ésta proceda dunha xestión forestal sustentábel. Defende a maximización do uso de materiais reciclados.

Galicia está moi lonxe de contribuír a este escenario pois, ademais de albergar unha contaminante fábrica de celulosa situada nun lugar moi inapropiado:

-A falta de ordenación e o manexo inadecuado das plantacións de eucalipto levaron a un proceso de “eucaliptización” masivo na Galiza litoral con importantes efectos ambientais negativos, proceso que ademais ten contribuído ao descenso do prezo da madeira de eucalipto. Por outra banda, ENCE importa para a súa factoría de Lourizán madeira producida sen garantías socioambientais.

-Perante o nulo fomento da redución e a reutilización, o consumo de papel non deixa de medrar. Alén diso, o uso de papel reciclado supón aínda unha porcentaxe limitada.

-A recolla selectiva de papel é moi baixa naqueles municipios adheridos ao sistema de SOGAMA. Por outro lado, en Galicia non hai industrias que reciclen papel.

 

  • Vision_industria_papel.pdf

Vision_industria_papel.pdf Descarga "Unha Visión común para transformar a industria europea do papel" en pdf (125.71 KB)

Accede ás preguntas máis frecuentes sobre este documento