A actuación de erradicación de herba do coitelo consistiu na extracción manual desta especie dalgunhas zonas da illa: a praia do Castelo e os seus arredores, onde é abundantísima por mor da plantación masiva levada a cabo no lugar durante o século pasado e contou coa presenza de catorce voluntari@s de Verdegaia (oito mulleres e seis homes), tres traballadores do Parque Nacional, o fareiro, e o vixiante do Castelo de Sálvora.
O método de extracción foi moi simple e consistiu en retirar as plantas do areal coas mans cubertas con luvas e con ou sen axuda de ferramentas tendo moito coidado de non deixar ningunha parte da planta na zona de actuación para evitar posteriores rebrotes. Os restos vexetais metéronse en sacos e deixáronse a descompor na mesma illa.
Con esta campaña de erradicación de herba do coitelo, Verdegaia pretende realizar actuacións puntuais que axuden a mellorar o estado de conservación dos ecosistemas litorais, que xeren un debate social arredor desta e outras especies alóctonas presentes en Galicia e que incentiven aos propios concellos e demais administracións a levar a cabo medidas de conservación nas dunas, areais, e ecosistemas costeiros en xeral.
As dúas especies de herba do coitelo presentes nos areais galegos son de orixe sudafricana, aparecendo subespontaneamente en zonas de praia ou recubrindo rochas litorais.
Ao contrario do pensamento habitual de que a herba do coitelo é unha planta propia de Galicia (xa que a xente a leva vendo nos areais dende hai moitos anos) e que é moi bonita e inofensiva, esta planta invasora xera importantísimos danos nos ecosistemas litorais como a extinción das especies autóctonas nas zonas onde se asenta, a homoxeneización do ecosistema, o freo ó tránsito de area polas dunas onde está presente… co que a súa erradicación é a única medida posible para manter en bo estado de conservación os lugares onde aparece.