2008-07-31_img_2008-07-24_10_24_07_lagares1_j_a_rguez.jpgOs colectivos Ecoloxistas en Acción e Verdegaia, e mais as redes A Ría Non se Vende e Galicia Non Se Vende, informaron onte en Vigo do outorgamento dun total de 26 bandeiras negras no litoral galego, co obxectivo de faceren visibles os principais problemas de destrución destas zonas. Tamén fixaron 8 puntos negros en lugares onde os problemas que provocan a destrución destes enclaves naturais "aínda non callaron de todo". 

Así o afirmaron hoxe o coordinador da campaña de Bandeiras Negras da confederación estatal Ecoloxistas en Acción, Jorge Sáez, e o portavoz de Galicia Non Se Vende, Enrique Romasanta, nunha rolda de prensa previa a unha travesía pola ría de Vigo, a máis danada das galegas, e na que colocaron algunhas destas bandeiras.

Así, os ecoloxistas explicaron que, das 26 bandeiras negras que existen na comunidade, 16 delas están nas costas bañadas pola ría viguesa, onde tamén se localizan os puntos negros da depuradora do Lagares, na parroquia de Coruxo, así como o porto deportivo proxectado na de Canido, ambas na cidade olívica.

Canto ao resto de bandeiras, 8 están na provincia da Coruña, onde tamén se detectaron 5 puntos negros, e outras dúas en Lugo, que ademais ten un punto negro.

Jorge Sáez explicou que a costa galega sufriu nos últimos anos un gran desenvolvemento que está comezando a provocar efectos prexudiciais non só aos ecosistemas, senón tamén ás actividades económicas vinculadas ao sector primario, polo que a campaña deste ano denomínase ‘Hipotecas costeiras’.

En todo caso, precisou que a situación "non é tan tráxica" como en Levante, onde, segundo lamentou, o litoral está "totalmente desconfigurado" por mor da presión urbanística. Aínda así, advertiu do que considerou unha "privatización do litoral" e criticou o Plan Acuícola da Xunta ao consideralo "incompatible" coa actividade pesqueira.

Ría de Vigo

Canto ás principais ameazas ambientais que, segundo Ecoloxistas en Acción, Verdegaia, A Ría Non se Vende e Galicia Non Se Vende, pesan sobre a Ría de Vigo figura a creación de portos deportivos, as ampliacións portuarias así como o "deficitario" funcionamento das depuradoras e as verteduras industriais.

Ademais, o representante de A Ría Non se Vende, Duarte Ferrín, explicou os principais problemas ambientais da bahía, entre os que destacou os proxectos de ampliación da Autoridade Portuaria de Vigo no peirao de transatlánticos, na terminal de Bouzas, Chapela e Teis.

2008-07-31_img_2008-07-24_10_24_07_lagares1_j_a_rguez.jpg

De igual modo, Ferrín, que é representante dun dos colectivos integrantes da plataforma Galicia Non Se Vende, criticou o proxecto de ordenamento da zona central portuaria, denominado Proxecto Nouvel, aínda que tamén se referiu ao mal funcionamento das depuradoras de Coruxo (Vigo) ou Moaña.

Tamén denunciou a situación "ilegal" do porto deportivo de Punta Lagoa na Guía e o previsto nas antigas insotalacións da Escola de Transmisións Técnicas da Armada (ETEA), no barrio de Teis.

Finalmente, criticou os proxectos da urbanización de Massó e o porto deportivo de Cangas, así como as previsións do Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM) de Moaña e de Vigo.

Máis información:

Video sobre a presentación do Informe

Campaña Galicia e Cantábrico "En acción polo mar"

Informe "Banderas negras 2008"