etiquetaxe alimentaciónAbordaremos esta cuestión dende diferentes perspectivas nunha tertulia que vai ter lugar o día 24 de outubro as 19h no local de VERDEGAIA en Compostela, na rúa do Pombal, 18.

É posible que haxa persoas ás que non lle importe a orixe dos produtos que meten na súa cesta da compra, sexa pola cuestión que sexa, pero seguramente elixirán un produto ou marca que lle dea confianza pola súa calidade, xa que en moitos casos a diferenza no prezo non é tan grande. Sabendo isto, as empresas que procesan e comercializan alimentos, tentan confundirnos con etiquetas enredosas, evitando dar determinada información na etiquetaxe (porque na lexislación actual está como facultativa) ou no caso de ser obrigatoria, fano en letra pequena, polo que pode pasar desapercibido.

Que marca de leite pon no seu envase que o seu leite ven de vacas estabuladas e unicamente alimentadas con penso? Que marca de ovos avisa que proceden das galiñas que están engaioladas e dispostas en batería? Que a froita do supermercado é recollida verde e madurada quimicamente en frigoríficos? Que etiqueta reflicte que a materia prima envasada ven de outros países? Que etiqueta identificativa garante que os animais recibiron un trato digno?

Neste momento as pequenas explotacións non poden sobrevivir xa que os prezos que lles pagan polos seus produtos só son sostibles en caso de grandes producións, sen embargo, os seus produtos son de grandísima calidade, o leite e a carne de vacas que saen o prado, de galiñas que comen verzas, de leituga da casa, de patacas ou feixóns que medraron sen pesticidas nin herbicidas, a carne de porcos que viviron en condicións dignas.., onde se ve reflectido? Unha etiquetaxe mais exaustiva podería revalorizar os productos do noso agro?

A etiquetaxe dos alimentos encóntrase actualmente regulada na Galiza mediante o Real Decreto 1334/1999, pero claramente esa normativa non é suficiente. A UE recoñece que as normas actuais de benestar animal non funcionan, que existen baleiros lexislativos e determinados procedementos non son de carácter obrigatorio nalgúns países comunitarios, entre eles o noso. Agora a UE afirma que vai mellorar a lexislación sobre benestar animal corrixindo as deficiencias lexislativas tanto a nivel de produtores como de consumidores, proporcionandolles criterios para poder comprar axeitadamente e sabendo que o alimento tivo no seu momento un trato digno.

 

Tertulia : Lexislación na etiquetaxe dos productos alimentarios.

-Normativa xeral de etiquetado e as medidas de identificación para garantir o benestar dos animais destinados a producir alimentos: Pablo Teijeiro López
– A realidade sobre o coidado dos animais nas explotacións: Antonio Cende
– É posible cambiar esta situación rural Galega, revalorizando os produtos galegos en relación á súa calidade mediante unha etiquetaxe mais estrita?

Cada un dos puntos vai ser tratado por un experto que nos conte a realidade do problema ou a súa visión do mesmo, e finalmente facer unha posta en común e debate entre todos os participantes.