cantiles de meirs redVerdegaia organizará o vindeiro domingo 25 de marzo un novo roteiro encadrado no programa roteiros de Verdegaia Vai de roteiros!, desta volta pola Costa de Ferrolterra-Valdoviño. Sairemos ás 10:45 h na escalinata de Correos en Ferrol para coller o bus de Cedeira ás 11 (Ollo co cambio horario!!!). Hora de regreso: 17:30 h (no bus de Valdoviño-Ferrol dende Taraza).

* Distancia: 13,5 km
* Dificultade: media-baixa
* Prezo: 4 € soci@s, 5 € non soci@s. 
* Comida e bebida: cadaquén se encargará de levar a súa.
Roupa e calzado cómodos (recomendado botas impermeables)
Recomendamos levar prismáticos para observación de aves.

Un percorrido que nos achegará a un dos espazos protexidos máis valiosos e de maior beleza paisaxística de Galicia que, por desgraza, debido á mala xestión política por parte do Estado, da Xunta e do Concello de Valdoviño, sufre un deterioro continuo motivado pola crecente invasión humana, polo descontrol urbanístico e pola presencia de instalacións daniñas para o contorno (piscifactoría, galpóns, aparcadoiros asfaltados, etc).
 
Tramo 1: parada bus -Punta Frouxeira – 5,4 km
Neste primeiro tramo comezaremos na parada do bus da rotonda de Valdoviño, para axiña dirixirnos ao primeiro punto de interese do roteiro, a lagoa da Frouxeira.
Aquí coñeceremos in situ a problemática que envolve a este espazo. Continuaremos percorrendo toda a praia (pode que para cruzar a canle haxa que quitar os zapatos). Ao remate desta subiremos por unhas rochas para coller un sendeiro de pescadores que nos levará a Punta Frouxeira, escenario do filme “A morte e a doncela”, de Roman Polanski.
 
Tramo 2: Punta Frouxeira-Praia do Río (Meirás) – 4,5 km
Durante este tramo percorreremos diversos puntos de interese, como o controvertido faro de Meirás (de gusto discutible), a piscifactoría de Isidro de la Cal (de notable impacto paisaxístico), a Capela da Virxe do Porto, bordearemos a península que remata na Praia da Cristina pasando xunto aos illotes Castelo e Baixa Cativa. Continuando en dirección Sur, pasaremos xunto á Praia dos Botes e xunto a outras tres calas máis, antes de chegar á Praia do Río, así coñecida por desembocar nela o Rego de San Vicenzo. Neste lugar hai dous bares, polo que recomendamos facer aquí o xantar, co seu correspondente e ben merecido descanso.
 
Tramo 3: Praia do Río-Monte Campelo-Taraza – 3,5 km
Tras facer o xantar e repoñer forzas, subiremos primeiro ao Castro de Lavacerido
dende onde as vistas dos cantís de Campelo son espectaculares. Baixo os nosos pés, a rocha está furada coma un queixo grouyere polas galerías realizadas en busca de minerais. Dende aquí continuaremos subindo por un camiño revirado cara ás baterías abandonadas polo exército español, e dende aquí ata a xoia botánica da zona, unha pequena fraga de cerquiños (Quercus pyrenaica) única na comarca. Baixando pola mesma ruta e collendo despois o Camiño da Vela, remataremos na parada do bus que nos deixará de volta en Ferrol.
 
Para máis información:
– Miguel A. Fernández (661636946)
– Antom Fortuna (616039268)