logo_vai_de_roteiros.jpgO vindeiro domingo 22 de novembro temos un novo roteiro-denuncia polas Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro encadrado no programa de roteiros de Verdegaia Vai de Roteiros! . Sairemos en bus de liña ás 10:00 h. da estación de autobuses de Vigo para comezar a camiñar arredor das 11:00 h. no aparcadoiro da lagoa de Orbenlle (O Porriño) onde tamén rematará a rota a media tarde.

O programa Vai de roteiros! abranxe a totalidade da xeografía galega e zonas próximas, perseguindo diferentes fins como servir para divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.

Así, cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia é responsable da organización e realización dun roteiro no que tentamos integrar elementos naturais e culturais, educativos e reivindicativos para coñecer e valorar mellor o noso medio e o noso impacto sobre el.

limpeza_orbelle.jpg

O percorrido previsto é circular e seguirá o seguinte itinerario: lagoa de Orbenlle, Orbenlle, barreira de Orbenlle, turbeira do Cerquido, barreira do Cerquido, turbeira de Albelos, Ribadelouro, e lagoa de Orbenlle.

Esta actividade divulgativa terá unha compoñente de voluntariado de limpeza xa que ao comezo se repartirán bolsas de plástico ás persoas que o desexen para que se vaia retirando o lixo que se atope durante a rota para o seu posterior depósito en contentores de lixo e así contribuír á retirada dos numerosos Resíduos Sólidos Urbanos que se esparcen polo espazo natural.

Entre os valores naturais que alberga o LIC das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro están hábitats prioritarios segundo a Directiva Hábitats como as turbeiras e os bosques de ribeira (aquí atopamos o máis extenso de Galicia), Hábitats de interese comunitaria como as breixeiras húmidas, varias especies moi ameazadas e cunha área de distribución moi restrinxida en Galicia como o sapoconcho común (Emys orbicularis), ou parrulos como o charneco común (Anas crecca) que atopa nas Ribeiras do Louro o seu único ponto de cría regular na Península Ibérica. Ademais, as Ribeiras do Louro constitúen unha das tres zonas húmidas interiores máis interesantes de Galicia.

No tocante ás desfeitas que padece este espazo natural salienta a contaminación do río Louro malia que existe unha EDAR construída xa en 2006 para atallar este problema e que aínda está sen funcionar polo desleixo de diferentes administracións: Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Confederación Hidrográfica do Norte, e Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui. Outros problemas ambientais son a perda de superficie protexida do LIC, a falla da posta en marcha do Proxecto de restauración, conservación e uso público deste espazo natural aprobado en 2007 polo Ministerio de Medio Ambiente, o estado ruinoso do Centro de Interpretación da Natureza que custou perto de 450.000 euros, o lixo que aparece espallado polo lugar e as agresións que se suceden de xeito impune e repetido.

Verdegaia esixe a protección do LIC das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro mediante o estricto cumprimento da lexislación vixente. Así mesmo, esiximos a inmediata posta en funcionamento da depuradora de Guillarei, a recuperación da superficie incluída na Rede Natura até un mínimo de 872 hectares, a licitación do Proxecto de restauración, conservación e uso público deste espazo natural aprobado en 2007 polo Ministerio de Medio Ambiente e o equipamento e apertura do Centro de Interpretación da Natureza de Orbenlle.

Esta actividade está tamén englobada na Campaña Rede Natura 2000 de Verdegaia, que a asociación leva a cabo en diferentes espazos da Rede Natura 2000 de Galicia e que ten como fin garantir a adecuada conservación dos espazos naturais que conten con esta figura de protección europea. Dentro desta interesante campaña, o Núcleo Comarcal de Verdegaia-Vigo ten “apadriñado” o espazo natural das Ribeiras do Louro.

O percorrido é de dificuldade moi baixa e realizarase coa axuda dun guía da asociación que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos que se vaian observando ao longo da xornada.

O roteiro durará a metade do día polo que cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuito para todas e todos. 
O roteiro organízase en transporte público colectivo para non empregar o vehículo privado e así non contribuír ao avanzo da mudanza climática. 


Para máis información: Xián Nieto (637 295 830).