Verdegaia organiza para o vindeiro Domingo 21 de Setembro un novo roteiro, desta vez en bicicleta e pola “ecopista do Minho” que une as localidades portuguesas de Valença do Minho e Monção. Esta ecopista foi construida en 2004 sobre a antiga liña férrea que uniu as localidades citadas entre 1915 e 1990 e constitúe unha agradable rota destinada ao tránsito de bicicletas pola beira Sul do Miño.

O itinerario previsto será o seguinte: estación de tren de Vigo, estación de tren de Guillarei (Tui), Veiga do Louro, EDAR de Guillerei, Tui, ponte internacional do ferrocarril, Valença do Minho, Ganfei, Friestas, ponte do Manco sobre o río Furna, Lapela, río Gadanha, Cortes-Senhora da Cabeça, Monção, Salvaterra de Miño, estación de tren de Guillarei, estación de tren de Vigo.

Sairemos en tren da estación de tren de Vigo ás 14:47 h. e chegaremos á estación de tren de Guillarei ás 15:20 h., para comezar a pedalar pola ribeira galega do Miño ate Tui para logo circular pola “ecopista do Minho” desde Valença a Monção. Neste punto decidirase entre @s participantes se se volta por onde se viu ate Guillarei ou se se colle o tren en Salvaterra de Miño xa rumbo a Vigo. A volta está prevista á estación de tren de Vigo para as 22:24 h. Dende Verdegaia lamentamos que non haxa outro horario de tren axeitado para nos desprazar desde Vigo até Guillarei.

Entre os valores naturais que observaremos están o LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) do Baixo Miño que abranxe perto de 3.000 ha. do treito baixo do río Miño e que alberga interesantes poboacións de diferentes especies fluviais como a londra (Lutra lutra), o rato de almizcre (Galemys pyrenaicus), o salmón (Salmo salar) -que nestas augas baixomiñotas atopa o límite meridional da súa área de distribución en Europa-, a lamprea (Petromyzon marinus), o picapeixe (Alcedo atthis), o corvo mariño real (Phalacrocorax carbo), as cobras de auga (Natrix natrix e Natix maura), a píntega común (Salamandra salamandra) ou a rá patilonga (Rana iberica), especie esta que constitúe un endemismo do NO da Península Ibérica.

Ademais, durante o roteiro poderemos disfrutar de interesantes representacións de carballeiras termófilas como as que atoparemos no río Furna onde poderemos apreciar carballos (Quercus robur) harmoniosamente mesturados con loureiros (Laurus nobilis) e ruscos (Ruscus aculeatus), pequenas masas arbóreas de freixos (Fraxinus angustifolia), sobreiras (Quercus suber) ou abruñeiros (Prunus spinosa), e pés isolados de estripeiros (Crataegus monogyna) ou cerdeiras bravas (Prunus avium). Tamén cómpre citar que nos treitos de antiga vía férrea excavados na rocha, polas súas condicións microclimáticas especiais, atoparemos fentos coma o dentabrú (Osmunda regalis) ou a espiña de peixe (Blechnum spicant).

Outros aspectos naturais que observaremos durante a tarde serán os labradíos e viñedos da beira do Miño, ou a beleza do propio río Miño poucos quilómetros antes de desembocar no mar.

Entre os valores históricos que coñeceremos están a Catedral de Tui de estilos románico e gótico principalmente e con engadidos defensivos do S. XV, a fortaleza de Valença do Minho que foi levantada nos S. XII e S. XIII. a consecuencia das guerras fronteirizas, a Torre da Lapela, antigo castelo medieval demolido en 1709 e do que agora só se conserva a torre de menaxe, ou a ponte intenacional do ferrocarril levantada a finais do S. XIX por un discípulo de Eiffel.

Entre as desfeitas ambientais que observaremos durante este roteiro salinetan o río Louro que se atopa nun pésimo estado de conservación, a EDAR de Guillarei que despois de terse construido en 2006 aínda non entrou en funcionamento pola desidia de diferentes administracións: Confederación Hidrográfica do Norte, Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Concellos de Tui, Salceda de Caselas, e O Porriño, eucaliptais e masas de diferentes especies de flora invasora…

O percorrido é de dificuldade moi baixa e realizarase coa axuda dun guía da asociación que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos que se irán observando ao longo da xornada.

O roteiro durará toda a tarde polo que cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuito para todas e todos.

Esta actividade organízase en transporte público colectivo para non empregar o vehículo privado e así non contribuír ao avanzo da mudanza climática.

Para máis información: Diego Rodríguez Vieites, vicesecretario xeral e responsábel da Área de biodiversidade de Verdegaia (670 784 919).