Verdegaia e VAL (Voluntariado Ambiental da Louriña) organizan o vindeiro domingo 11 de maio un roteiro de inspección dos colectores que verquen ilegalmente ó río Louro no Porriño. O obxectivo da actividade é realizar un mapa dos colectores polos que se realizan verquidos ilegais a este curso fluvial para posteriormente denunciar estes feitos antes as autoridades pertinentes. Ademais, aproveitaremos a realización deste roteiro para reclamar, unha vez máis, que a EDAR de Tui comece a funcionar para solucionar o grave problema de calidade da auga que padece o Louro, un dos ríos máis contaminados de Galicia.
Sairase da Estación da autobuses de Vigo ás 10:00 h. para chegar ás 11:00 h. ó aparcadorio da Lagoa de Orbenlle e aí comezar a camiñar.
O itinerario previsto é o seguinte: aparcadorio da Lagoa de Orbenlle, treito do río Louro entre a lagoa de Orbenlle e O Porriño, O Porriño.
- A dificultade é media co inconvinte de camiñar a carón do río sen contar con bos camiños nalgúns treitos do roteiro.
- O roteiro durará toda a mañá e descorrerá a carón do río Louro polo que cómpre levar calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuito para todas e todos.
- Esta actividade organízase en transporte público colectivo e para chegar á estación de autobuses pódese coller a liña C4C do autobús urbano, para non empregar o vehículo privado e así non contribuír ao avanzo do cambio climático.
Máis información:
Diego Rodríguez Vieites, Vicesecretario Xeral e Responsábel da Área de Biodiversidade de Verdegaia (670 784 919)
medioambienteval.nireblog.com