Artigo de Xilberte Manso para a rede A Ría Non Se Vende.

Nestes días de confinamento nos que a sociedade civil ven dando mostras dun gran civismo e resistencia, atopamos que o tecido asociativo e cultural do país hibernou ou mermou moito a súa actividade por motivos obvios. A Xunta de Galicia pola contra, non parou a súa actividade, e aínda coa poboación confinada e coa mobilidade restrinxida, acelerou un feixe de procedementos administrativos de proxectos industriais. Isto que en principio non estaría mal si os dereitos dos cidadáns estiveran protexidos e tivesen os prazos e as posibilidades de analizar e actuar con normalidade ante  calquera deses procedementos, que non é o caso.

Imaxe de Luis Miguel Bugallo Sánchez.

Puidemos ver na páxina da Consellería de Industria  a situación dos proxectos de Parques Eólicos da Serra da Groba e da Serra do Galiñeiro.

Na Serra do Galiñeiro vemos que hai 13 muíños eólicos en tramitación. Na Serra da Groba aparecen 11 muíños no P.E. Albariño; 7 no P.E. Merendón, tamén en tramitación. E aparecen divididos en catro Parques Eólicos como de nova solicitude, o Toroña con 10 muíños; Torroña I con 4 muíños;  Torroña III con 10 muíños,  e o do Rosal con 2 muíños. Asemade as respectivas subestacións e torres meteorolóxicas; catro torres e dúas subestacións novas,  máis as previstas para o Albariño e o Merendón, en total catro subestacións na Groba. A do Galiñeiro non aparece no mapa informativo.

A sociedade civil do Val de Miñor e de Vigo, así como a Louriña e o Baixo Miño xa manifestou no seu intre a súa opinión sobre os  vellos proxectos do Galiñeiro e da Groba. Fixéronse estudos, informes, alegacións e púxose de manifesto ante a opinión pública os valores destes territorios do sur da provincia de Pontevedra. Os concellos manifestaron en plenos o seu rexeitamento ante estes proxectos industriais que non aportan ningún valor engadido para a poboación das bisbarras e concellos afectados. Manifestouse que os números, a economía,  é algo máis que o produtivismo dos euros producidos polos megavatios destes parques e destas empresas, que con moito poder, dividen, fraccionan e especulan coas concesións igual que fan noutros casos para que con empresas varias cheguen as contas de resultados de grandes emporios empresariais que pouco benefician a maioría de veciños dos territorios. Non baixa o prezo da luz, non se crean moitos postos de traballo nin se avanza na tan nomeada transición ecolóxica, paradoxalmente. E aínda que se crean postos de traballo, se pagan taxas e alugueiros/convenios cos propietarios da terra, non se entran a valorar outras perdas medioambientais, naturais e culturais, que xa vai sendo hora de que se valoren e se taxen na súa xusta medida, e se deixe de trocar por euros calquera outro valor difícil de taxar, como é a do patrimonio natural e cultural.

En tempo de pandemia e, probablemente, de mudanzas sociais,  económicas, e  necesariamente de sistemas, non podemos seguir avante cos mesmos erros do pasado, e deixar para os que veñan despois un país e unha terra asoballada polas industrias, sexan estas as que sexan.

Temos en Galicia parques eólicos por todas as serras e montes. Xa poucas son as que fican sen as torres dos muíños de vento e esas pistas que fenden a paisaxe de lugares que deberían ser santuarios naturais. O futuro está nas enerxías limpas, si. Mais non a calquera prezo nin cos procedementos especulativos de sempre. O negocio non pode xustificalo todo. Hai que mudar as formas e ir de verdade a transición ecolóxica doutro xeito.

As Plataformas do Galiñeiro e SOS Groba, xunto coa sociedade civil manifestáronse moi claramente sobre estes procedementos e plans. Puxeron negro sobre branco os valores naturais e culturais das dúas serras que fechan o Val de Miñor e que son as iconas do sur da provincia. Turismo, natureza e patrimonio cultural teñen que ir xunguidos no futuro da bisbarra e, tamén, calquera industria que sexa respectuosa co medio ambiente e o patrimonio natural e cultural.

Nestes días tan emotivos e difíciles para todas e todos, ver que hai quen segue a pular por proxectos tan agresivos para as nosas serras, e que despreza todos os outros valores que tanto estamos  botando de menos neste confinamento, e que agora valoramos máis que nunca ( precisamente cando non podemos gozar deles), lévanos a denunciar e alzar a voz para que ninguén se sinta protexido por unha administración que  lonxe de velar polos intereses dos seus cidadáns, axuda as empresas que máis levan espoliado e que so ven no beneficio empresarial o futuro. O noso non é ver as serras industrializadas e perdendo máis diversidade e patrimonio. Non é ver como se segue a especular coa terra que non é nosa, da nosa xeración, se non das futuras que tamén teñen dereito a un mundo mellor.

Queremos, denunciar alto e claro, que imos a estar aí vixiantes, denunciando as pretensións industriais agresivas  para as serras da Groba e do Galiñeiro. Queremos denunciar, agora que imos entrar en período electoral, que os partidos políticos se manifesten e expresen o seu posicionamento ante estes proxectos concretos. Que os concellos de Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Baiona, Oia, Tomiño e O Rosal se posicionen e lles digan os seus veciños cal é a súa postura ante estes proxectos. Que as Comunidades de Montes afectadas tamén se manifesten e digan se queren eses muíños e os cartos do alugueiro das terras, ou pola contra, están por un monte multifuncional no que os valores naturais e culturais sexan conxugados cos dos outros usos do monte tradicionais e respectuosos co medio ambiente e a explotación racional dos recursos.

Galicia presume de ser un país verde, no que a natureza e un valor senlleiro. Galicia ten moi pouca natureza protexida por lei, Rede Natura, Parques Nacionais, Espazos Protexidos… e ten grandes contradicións na protección efectiva deses espazos e doutros que non teñen figura de protección e que si a deberían ter (como son estas dúas serras pola densidade de valores naturais e patrimoniais).

Galicia ten a maioría das súas serras e monte afectados por Parques Eólicos, construídos, en construción e/ou en procedemento administrativo. Nin as serras máis senlleiras se libran de ser aproveitadas para a explotación eólica. Coidamos que é moito impacto para a natureza, a pesares da etiqueta  verde que levan implícita.

En tempos de pandemia, ollar estas novas nas páxinas oficiais da Xunta, é unha dobre pandemia,  é un  duro golpe para a sociedade , os movementos ecoloxistas e  o asociacionismo que temos as mans atadas polo confinamento e a imposibilidade de facer asembleas e xuntanzas presenciais pola limitacións de movementos e desprazamentos.

É polo que queremos denunciar e anunciar a opinión pública que non podemos permitir  que estes proxectos sigan avante, e que a pesares das dificultades, seguiremos atentos e

SOLICITAMOS:

Que os partidos políticos, os concellos e as Comunidades de Montes afectadas se posicionen publicamente xa, antes da campaña electoral e das eleccións.