Co gallo da celebración do Día Internacional da Biodiversidade que se celebrará mañá, 22 de maio, Verdegaia esixe á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría do Medio Rural a retirada da pasarela de madeira das dunas de Punta Muxieiro e a total rexeneración dese ecosistema dunar. Consideramos esta obra como o exemplo do pouco que a Xunta de Galicia valora a nosa valiosa biodiversidade.
Esta infraestrutura comezouse a construír a finais do verán pasado e acarrea un grande impacto para a biodiversidade dese espazo natural. Ademais, a súa tramitación foi irregular e nela non se contemplaron alternativas nen se solicitou asesoramento á comunidade cientifica, o que contravén todas as rigorosas recomendacións de xestión establecidas nos parques nacionais. O máis deplorable é a súa inexplicable ubicación en plena zona de reserva; segundo o Plano de Ordenación dos Recursos Naturais e o último borrador do Plano Reitor de Uso e Xestión do espazo protexido nese lugar só se permiten os usos de conservación e investigación científica; nunca de uso público.
Entre os valores naturais que ameaza esta estrutura inverosímil están o propio ecosistema dunar en si, a única poboación galega de herba namoreira das dunas (Armeria pungens), unha das dúas poboacións galegas de camariña (Corema album), a única poboación galega da volvoreta Zerinthia rumina, e unha especie de réptil, o esgonzo de patas ibérico (Chalcides bedriagai), catalogada como en perigo de extinción dentro do Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
Este caso foi denunciado pola vía administrativa perante o Conselleiro do Medio Rural, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría do Medio Rural, a Ministra de Medio Ambiente e do Medio Rural e Mariño, o Organismo Autónomo Parques Nacionales e, pola vía xudicial, no Xulgado de instrucción nº 3 de Vigo. A denuncia penal atópase na actualidade tramitándose na Audiencia Provincial de Pontevedra.
Este é o exemplo que, co gallo do Día Internacional da Biodiversidade, escolleu Verdegaia para denunciar o pouco interese que ten a Xunta de Galicia na conservación da valiosa biodiversidade galega. Lamentablemente, outros casos sangrantes poderían ser noticia este día. Entre eles figuran a demora na redacción do Plano Director da Rede Natura que vai por detrás do Plano Eólico, do Acuícola,…, o atraso na redacción dos planos e documentos de xestión de moitos espazos protexidos, o propósito da Xunta de construír infraestruturas en espazos protexidos (como a piscifactoría de Cabo Touriñán), a concesión da realización de batidas de caza en espazos protexidos (como a realizada en xaneiro na Z.E.P.A. “A Limia”), entre outros.
Por todo o anterior, solicitamos unha profunda revisión por parte dos entes políticos e de toda administración autonómica de todas as ameazas que afectan ó noso patrimonio natural co fin de cumprir os obxectivos establecidos a nivel mundial ao longo do ano 2010 para frear a actual perda de biodiversidade.