Hoxe celébrase o Día Europeo sen coches e Vigo celébrao dun modo moi orixinal.
Moitas cidades optan por celebrar o día cortando o tráfico dalgunhas rúas para priorizar os peóns, outras promoven o transporte público mediante billetes gratuítos pero Vigo é especial.
Celebración 1 – Concesionario de coches na Porta do Sol
Durante dous días unha das poucas zonas peonís da cidade transformouse nun concesionario ao aire libre. Quitamos espazo aos peóns para promover vehículos, eso si os coches son eléctricos.
Celebración 2 – Aparcadoiro improvisado na praza do Concello
Dende hai dúas semanas os funcionarios e políticos máis selectos do Concello poden aparcar os seus coches na praza peonil de acceso ao edificio do Concello. A zona está en obras e os ‘selectos’ non poden acceder ao aparcadoiro subterráneo como fan habitualmente.
Celebración 3 – Bus gratuito durante dous días
A única liña de bus que permitirá viaxar gratis será… o Bus turístico. E claro, só o sábado e domingo, non vaia a ser que a alguén lle pase pola cabeza deixar o coche ou moto na casa e ir ao traballo no bus.
Ourense: todas as liñas de bus gratis durante toda a semana
A Coruña: anuncia 4 novas estacións de BiciCoruña
Compostela: peche parcial da rúa Virxe da Cerca e celebración do “Día de camiñar ao cole”





















