A proposta da ONU, o 22 de maio celébrase o Día Mundial da Diversidade Biolóxica. Con tal motivo, as entidades ADEGA, SGO, SGHN, Morcegos de Galicia, a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica, Hábitat, FEG e Verdegaia vimos de achegar á Xunta e ao Ministerio as nosas propostas para diminuír o impacto das instalacións de enerxía renovábel sobre a biodiversidade.

Preocupadas polo potencial efecto negativo sobre a biodiversidade e a paisaxe do actual modelo de transición enerxética, as nosas entidades presentamos unha proposta de áreas de exclusión para a instalación de enerxías renovábeis e as súas infraestruturas asociadas en Galicia, que consideramos esencial e irrenunciábel para o desenvolvemento minimamente sustentábel dun novo modelo enerxético.

Sobran razóns para actuar con urxencia e facer sustentábel a transición enerxética

Malia que as enerxías renovábeis contribúen a acadar os obxectivos de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, a súa construción e implantación no territorio provocan unha serie de impactos negativos sobre a biodiversidade. Ditos impactos teñen sido analizados por diversos estudos científicos realizados principalmente nos EUA e en varios países de Europa, pero escasean os estudos realizados na Península Ibérica e especialmente aqueles que analicen os efectos sinérxicos e a longo prazo derivados da implantación deste tipo de infraestruturas.

No caso da enerxía eólica téñense demostrado unha serie de efectos negativos coma a mortalidade directa de aves e morcegos, deforestación e erosión do solo, ruído, impacto visual e incluso cambios nos patróns climáticos locais, así como afeccións á fauna e flora mariña no caso dos parques eólicos implantados no mar, entre outros.

Nas explotacións de produción de enerxía solar os impactos prodúcense pola ocupación do solo (co conseguinte cambio de uso) e a destrución e fragmentación de hábitats, aínda que tamén existen traballos que alertan da mortalidade directa de aves e insectos por shock térmico ao voar perto destas instalacións.

En Galicia, o Plano Sectorial Eólico aprobado en 1997 e reformado en 2002, queda claramente obsoleto ao non contemplar as evidencias científicas dos últimos 20 anos. Ademais non considera a Rede Natura 2000, carece de zonas de exclusión e non foi sometido a unha avaliación ambiental estratéxica. Cabe resaltar que Galicia conta con escasamente o 12% do seu territorio incluído na Rede Natura 2000
(aproximadamente a metade da media estatal e dez puntos menos que a media europea) e que unha parte importante destes espazos xa contan con parques eólicos na súa superficie. Por outra banda, tan só 4 das 195 especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas contan con plans de conservación e por tanto a información da que se dispón para a súa xestión é escasa e nesgada.

Co recente impulso que están a vivir as enerxías renovábeis, faise imprescindíbel avaliar con minuciosidade os potenciais impactos que provocan sobre a fauna, a flora e a paisaxe. É preciso, por tanto, aplicar o principio de precaución e establecer unha moratoria á implantación de novos proxectos ata que se actualice a planificación sectorial vixente e sexa sometida ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

Por todo isto, para a boa planificación da localización de instalacións de xeración de enerxías renovábeis en Galicia, resulta imprescindíbel a elaboración dun mapa de zonas de exclusión que recolla criterios que permitan salvagardar a diversidade natural e manter os servizos ecosistémicos.

Proposta de áreas de exclusión para a instalación de renovábeis

Con todos estes postulados científicos e técnicos, entendemos que as áreas de exclusión para a instalación de enerxías renovábeis e as súas infraestruturas asociadas deben abarcar polo menos os seguintes espazos ou áreas:

a) Espazos declarados Rede Natura 2000 (RN2000) e a súa área de influencia tampón nun mínimo de 10 km, agás que se determine outra en base ás especies ou hábitats que motivaron a súa declaración como espazo protexido ou estea fixada outra nos seus instrumentos de xestión. Así mesmo, os parques actualmente instalados en RN2000 deberían ser retirados unha vez cumprida a súa vida útil, restaurándose
a zona atendendo aos valores ambientais que motivaron a súa inclusión en RN2000.

b) Espazos incluídos na proposta de ampliación RN2000 do ano 2008 elaborada polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) presentada no Consello Galego de Medio Ambiente e a súa área de influencia tampón dun mínimo de 10 km.

c) Áreas de Importancia para a Conservación das Aves (IBA).

d) Ámbitos de aplicación dos plans de conservación e xestión de especies ameazadas catalogadas tanto a nivel estatal como autonómico. Deberanse incluír os aprobados e tamén os redactados que levan anos esperando a ser aprobados.

e) Zonas de Importancia para os Mamíferos (ZIM).

f) Outros espazos incluídos na Rede Galega de Espazos Protexidos.

g) Espazos Naturais de Interese Local e Espazos Privados de Interese Natural declarados ao abeiro da Lei de Patrimonio Natural de Galicia,

h) Zonas Núcleo e zonas Tampón das Reservas da Biosfera.

i) Paisaxes sobresaíntes incluídas nalgunha figura autonómica ou estatal e en concordancia co Convenio Europeo da Paisaxe ratificada polo Estado Español (BOE núm.31, do 5 de febreiro de 2008) e/ou incluída na Lei 7/2008 do 7 de xullo de protección da paisaxe de Galicia. Así mesmo, calquera espazo incluído ou proposto nas distintas figuras de ordenación territorial (Directrices de Ordenación do Territorio, Plan de Ordenación do Litoral e Infraestrutura Verde) cun grado de protección.

l) Zonas RN2000 no ámbito mariño, áreas de importancia para as aves mariñas (IBAS mariñas e corredor migratorio cántabro-atlántico), zonas propostas como ZEPAs no marco do proxecto Intemares, zonas con presenza regular contrastada de aves mariñas ameazadas, así como áreas de importancia para os mamíferos mariños e áreas de interese para os recursos pesqueiros. E, sen excepción, todas aquelas áreas mariñas da plataforma continental e de máis aló do talude continental con carencia dun coñecemento científico suficiente do uso que as aves mariñas (e o resto de aves migradoras, diúrnas e nocturnas; así como o resto da biodiversidade mariña) fan delas ao longo do ano, en termos de alimentación, migración, invernada, muda e outros, por un obrigado e inescusábel principio de precaución.

Asinan:

  • ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)
  • SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía)
  • SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural)
  • Morcegos de Galicia
  • Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica
  • Grupo Naturalista Hábitat
  • FEG (Federación Ecoloxista Galega)
  • Verdegaia