ct_meirama.jpg A produción, a transformación e o consumo de enerxía é a principal causa de deterioración ambiental, tanto en Galicia como a nivel mundial. Convidámoste a ler as respostas a algunhas cuestións básicas para entender mellor a realidade enerxética da nosa terra: cais son as fontes enerxéticas empregadas en Galicia?, somos un país excedentario en enerxía?, a electricidade xerada nos parques eólicos substitúe á electricidade sucia?, que custos implica o noso modelo enerxético?, que propón Verdegaia para avanzarmos cara a un modelo enerxético sustentable?,…

1. Cais son as fontes enerxéticas empregadas en Galicia?

A enerxía primaria son os recursos enerxéticos empregados para un uso final (por exemplo, o transporte) ou para a súa transformación noutra forma de enerxía (por exemplo, carbón ou vento para xerar electricidade). Segundo o Balanzo enerxético de Galicia 2005 (Instituto Enerxético de Galicia), o último dispoñible, só o 10,6% da enerxía primaria total foi de orixe renovable (hidráulica, eólica, solar, biomasa e outros residuos de biomasa). Case toda a enerxía primaria procede de combustibles fósiles (petróleo, carbón e gas natural).

No mesmo ano, o valor da enerxía primaria importada foi de 10,4 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (tep), mentres que o da enerxía primaria galega foi de 2,8 millóns de tep. O 50,9 % da enerxía primaria galega foi achegada polo lignito pardo, un tipo de carbón extraído nas minas das Pontes e de Meirama que se esgotou no ano pasado.

2. Canta enerxía consumimos?

En 2005, o consumo de produtos petrolíferos foi de 4,1 millóns de tep. O transporte, co 46,8 %, é o sector que demanda unha proporción maior de produtos petrolíferos. Canto á electricidade, o consumo bruto foi de 1.722.000 tep. A industria representou o 56,8 % do consumo eléctrico, unha porcentaxe moi superior á da maioría dos países da UE, o que é debido á localización no noso territorio dalgunhas industrias intensivas en consumo de electricidade, nomeadamente a fábrica de alúmina-aluminio de San Cibrao (Mariña luguesa).

O consumo de enerxía volveu medrar en 2005 a respecto de anos anteriores. No caso da electricidade, o consumo bruto (consumo final e perdas por transporte e distribución) en 2005 foi un 3% superior ao de 2004.

 
3. Somos un país excedentario en enerxía?

Galicia non exporta enerxía, non exporta ningún tipo de materia prima enerxética. Todo o contrario: o nivel de dependencia enerxética de Galicia é moi alto.  En 2005, o 78,5% da enerxía primaria total foi importada (principalmente cru de petróleo, produtos petrolíferos e carbón, mais tamén gas natural e cereais para a produción de biocombustible).

Cando se ouve que Galicia exporta enerxía, normalmente o que se pretende dicir é que o noso país exporta enerxía eléctrica, ou parte dos produtos petrolíferos obtidos na refinaría da Coruña. En 2005, Galicia exportou a Portugal e ao resto do Estado español o 34,5% da electricidade. Mais cómpre termos en conta que grande parte da electricidade xerada en Galicia obtense a partir de combustibles fósiles importados, o que se acentuará máis desde este ano. A partir de 2008, todo o carbón empregado nas centrais termoeléctricas galegas das Pontes e de Meirama será de importación. Alén diso, xa están construídas dúas novas centrais termoeléctricas de ciclo combinado que queiman gas natural importado, unha nas Pontes –que se suma á existente de carbón- e outra en Sabón (Arteixo) –que substitúe á actual de fuel-.

4. Que custos implica o noso modelo enerxético?

A produción, a transformación e o consumo de enerxía en Galicia, da forma en que hoxe se efectúan, conlevan importantes custos económicos, sociais e ambientais, non só para Galicia, senón tamén para outros países e a nivel global. Ademais, parte do prezo do noso consumo desbocado de enerxía e da nosa forte dependencia dos combustibles fósiles será pagado polas xeracións futuras.

marea_negra.jpgCanto aos efectos en Galicia ligados ao noso modelo enerxético podemos salientar os asociados a un modelo de transporte que descansa sobre o automóbil e o camión (contaminación, custosas infraestruturas que destrúen o territorio, accidentes, perda de habitabilidade de cidades e vilas,…), á produción eléctrica con carbón (impacto das minas das Pontes e de Meirama, chuvia ácida, construción dos portos exteriores de Ferrol e da Coruña,…), aos pequenos e grandes encoros hidroeléctricos (deterioración dos ríos, afeccións a  producións agraria,…) e á transformación do petróleo (contaminación atmosférica da refinaría, mareas negras,…). Sen esquecermos os impactos sobre a paisaxe e a biodiversidade dalgúns parques eólicos que foron construídos en zonas ambientalmente inadecuadas.

Canto aos efectos globais e noutros territorios, é preciso salientar, en primeiro lugar, a contribución ao cambio climático. As emisións por habitante de gases causantes do cambio climático en Galicia (15 toneladas/ano) son mesmo superiores ás de España (10) e ás da UE-15 (11), sendo as centrais térmicas e o transporte as fontes principais.  Alén diso, é preciso  destacar os danos noutros países asociados á extracción e ao transporte do carbón, petróleo e gas natural que importamos.

Ao nos apropiarmos gratuitamente dunha parte moi superior á que nos correspondería da capacidade de absorción de dióxido de carbono (CO2) –o principal gas de efecto invernadoiro- e ao non compensarmos os custos socioambientais ligados aos recursos enerxéticos que importamos, contraemos unha elevada débeda ecolóxica en materia de enerxía. Esta é moi superior á contraída con Galicia polo conxunto de España por non compensar os danos asociados ao papel da nosa terra como fornecedora de electricidade e de derivados do petróleo.

5. Usamos a enerxía con eficiencia?

Os prezos actuais da enerxía en Galicia e en España  aínda incentivan pouco o aforro e a eficiencia, polo que non é estraño que en Galicia e no conxunto de España a enerxía se malgaste moito. Así, a intensidade enerxética da economía, é dicir, a relación entre o consumo de enerxía e a xeración de riqueza, é bastante maior en Galicia que na maioría do resto de países de Europa occidental. Con outras políticas, tecnoloxías, hábitos de consumo, valores sociais,…. poderiamos producir bens, transportar persoas e mercadorías, quentar os  fogares,… con moita menos enerxía do que o facemos hoxe.

6. As enerxías renovables poderían atender a nosa demanda de electricidade?

dibuix_energia_solar.jpgComo xa vimos, en 2005, só o 10,6 % da enerxía primaria procedeu de fontes renovables, porcentaxe mesmo inferior ás dos anos 2004 e 2003, debido á baixa pluviosidade. Nin tan sequera a maior parte da nosa produción eléctrica é de orixe renovable. Incluíndo os grandes encoros, a electricidade xerada a partir de fontes renovables representou o 38,3 % da total, unha porcentaxe alta no contexto da UE, mais moi inferior á desexable e mesmo á que sería posible xa hoxe. A principal fonte de electricidade en Galicia segue a ser o carbón, o combustible máis contaminante e máis prexudicial para o clima, cuxa queima xerou case o 50% da electricidade bruta en 2005. Poucos países no mundo xeran unha porcentaxe tan alta da súa electricidade a partir do carbón.

É posible atendermos a demanda eléctrica só con renovables. Por exemplo, un informe encargado por Greenpeace ao Instituto de Investigacións Enerxéticas da Universidade Pontificia de Comillas sobre o potencial das enerxías renovables na España peninsular concluiu que Galicia podería ser totalmente autosuficiente con enerxías renovables para toda a súa demanda de electricidade proxectada para 2050, mesmo con unha só dalgunhas delas (solar termosolar, solar fotovoltaica, eólica terrestre,…).

7. A electricidade xerada nos parques eólicos substitúe á electricidade sucia?

Desde 1997, construíronse en Galicia máis de 100 parques eólicos. Porén, a produción das centrais térmicas galegas non ten diminuído nos últimos anos. É verdade entón que a electricidade xerada nos parques eólicos substitúe electricidade sucia?.

A electricidade producida polos parques eólicos, e a de orixe renovable en xeral, sempre entra na rede eléctrica, polo que substitúe sempre á electricidade de orixe sucia. O que acontece é que, por causa do forte aumento da demanda eléctrica rexistrado en Galicia e no Estado español nos últimos anos, o espectacular crecemento da enerxía eólica non fixo posible que diminuíse a produción eléctrica sucia. Mais, de non ser polos parques eólicos, Galicia e España estarían aínda máis afastadas do cumprimento do Protocolo de Quioto, e xa o están moito!.

Os parques eólicos achegan enerxía limpa e renovable que é necesaria, mais tamén supoñen un certo impacto ambiental. Por iso, non se deben construír en áreas de alto valor ecolóxico, por exemplo, en zonas da Rede Natura 2000. Na nosa terra, hai máis de 40 parques eólicos en funcionamento situados en Rede Natura 2000, 27 deles na serra do Xistral. A nova regulación autonómica da enerxía eólica aprobada en 2007 impide construír máis parques eólicos en espazos da Rede Natura 2000, mais non noutras áreas de elevado interese natural e paisaxístico non incluídas nesta rede europea de espazos protexidos.

8. O gas natural é unha enerxía limpa?

Non é correcto afirmar que o gas natural é unha enerxía limpa, como moitas veces se di desde empresas enerxéticas ou desde institucións. A súa produción e consumo xera contaminación atmosférica e contribúe ao cambio climático. O que si é verdade é que o fai en menor medida có petróleo e, sobre todo, có carbón. Polo tanto, é mellor queimar gas natural que derivados do petróleo ou carbón, mais as alternativas sustentables son o aforro e a eficiencia e mais as enerxías renovables, non o gas natural.

En Galicia, acábanse de construír dúas novas centrais térmicas de ciclo combinado, unha nas Pontes e outra en Sabón (Arteixo), que usarán gas natural para producir electricidade, o que non significa que as altamente impactantes e pouco eficientes centrais de carbón das Pontes e de Meirama deixen de funcionar, pois seguirán a facelo, agora só con carbón de importación. Para abastecer as novas centrais, construíuse, malia a forte oposición social, a regasificadora de Mugardos, no interior da ría de Ferrol. Esta planta conleva un elevado impacto ambiental e riscos inaceptables para a seguridade das poboacións próximas.

Os gasodutos, e non as plantas regasificadoras, son o mellor método de transporte do gas natural. Licuar o gas natural para o transportar en barco até unha planta regasificadora representa unha perda dun 35% da enerxía, fronte ao 10-20% no transporte por gasoduto.

9. Por que é rexeitable a enerxía nuclear?

A enerxía nuclear é unha forma de enerxía perigosa e insustentable. Non hai unha solución segura e satisfactoria ao problema da xestión dos residuos nucleares, cuxa perigosidade permanece até decenas de miles de anos. É unha enerxía moi cara que só foi capaz de sobrevivir con fortes apoios estatais. Non é necesaria para combater o cambio climático: os investimentos en eficiencia enerxética son setes veces máis efectivos para evitar emisións de CO2.

En 2004, a enerxía nuclear achegou o 12% da enerxía primaria en España, por detrás do petróleo (50%), do gas natural (17%) e do carbón (15%). No que atinxe á xeración eléctrica, nos últimos anos está a representar arredor do 25%. Non se presentou ningún proxecto para construír unha nova central nuclear, aínda que se están a ouvir voces desde o mundo político e empresarial que apostan pola enerxía nuclear. O actual Goberno central comprometeuse co peche escalonado das centrais nucleares, aínda que polo de agora non presentou un calendario. No noso país, FENOSA tentou construír unha central nuclear en Xove (Mariña luguesa) nos anos 70.

10. Que propón Verdegaia?

A suficiencia (evitar o consumismo enerxético) e a eficiencia (usar de forma máis eficiente a enerxía para facer o mesmo con menos), xunto co desenvolvemento das enerxías renovables, son chaves para avanzar cara a sustentabilidade, para construír un modelo enerxético ecoloxicamente sustentable e socialmente xusto (entre países, dentro de cada país e coas xeracións futuras). Para incentivar o aforro e a eficiencia e para facer as renovables máis competitivas, resulta imprescindible redireccionar as cuantiosas axudas públicas que reciben hoxe as enerxías sucias e facer unha ambiciosa reforma fiscal ecolóxica que penalice o desperdicio de enerxía e grave máis as enerxías sucias.

 É da maior importancia facer unha reconversión ecolóxica do transporte, sector crucial desde o punto de vista da sustentabilidade no que está a medrar moito o consumo de enerxía. A xestión da demanda, é dicir, a redución das necesidades de desprazamento -o que pode ser conseguido a través dun adecuado ordenamento do territorio-, xunto coa inversión na xerarquía dos modos de transporte -colocando o coche e o camión en derradeiro lugar e facendo do ferrocarril a columna vertebral do sistema de transporte-, son as medidas principais. É esencial desligar o desenvolvemento do crecemento do transporte e dos custos ambientais e sociais asociados a el.

O desenvolvemento das enerxías renovables debe facerse da forma máis descentralizada posible, apostando tamén pola microxeración para o autoconsumo. Asemade, é preciso minimizar os seus impactos ambientais, por exemplo, evitando a construción de parques eólicos ou minicentrais hidroeléctricas en zonas de alto valor ecolóxico ou garantindo que o aproveitamento enerxético da biomasa non contribúa á degradación do solo, á diminución da biodiversidade ou á perda de soberanía alimentaria en países empobrecidos do Sur que produzan cultivos enerxéticos para a produción de agrocombustibles en países desenvolvidos coma o noso.

En particular, o impulso da enerxía solar (térmica, fotovoltaica, termoeléctrica) debería ser obxecto da máxima prioridade. Galicia presenta un potencial alto para a enerxía solar, contrariamente ao que moitas veces se pensa.

Para saberes máis:

Propostas de Verdegaia para unha Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentable

Área de enerxía de Ecologistas en Acción

Instituto Enerxético de Galicia