Verdegaia, o mesmo que as distintas organizacións que facemos parte da Asemblea Galega contra o lume1, entende que os incendios dos Canós do Sil e de Quiroga-Larouco, paraxes todas de gran valor ecolóxico e social, foron o inicio da campaña de incendios que ano tras ano esnaquizan Galiza enteira. As accións de prevención e extinción que tras máis de 25 anos se veñen tomando polos distintos gobernos, case que sempre do Partido Popular, demostráronse e demóstranse insuficientes e sobre todo erradas. Proba disto é que non hai ano no que as lapas non sexan portada dos medios de comunicación, arrasen grandes extensións de monte baixo e arborado, acaben co mellores entornos ecolóxicos do noso pais como sucedeu estes días pasados en Chandrexa de Queixa espazo da Rede Natura e non poñan en perigo ou acaben coa vida de veciños e veciñas de Galiza.
- Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.
- Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais.
- Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.
- Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.
- Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos.
- Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas.
- Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.
- Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.
- Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.
- Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.
CODA: Os incendios deberían tratarse como un “asunto de país”, fuxindo da utilización partidista, a demagoxia e o curtopracismo. Ningún goberno pode resolver os lumes nunha lexislatura. Cómpre pois un amplo consenso político e social na loita contra os lumes.



















