Proyecto restauración LIC Gándaras de Budiño 1A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Asociación Española de Herpetogía (AHE) e Verdegaia veñen de apresentar un escrito común (PDF) solicitando que se cumpra o “Proxecto de Restauración do LIC Gándaras de Budiño”, tal como se especifica no “Convenio de Colaboración entre el Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente y la Comunidad Autónoma de Galicia relativo a Actuaciones de Conservación en la Red NATURA 2000” cun investimento de 1.309.513.00€ cofinanciado nun 70% por fondos FEDER da Unión Europea.

As organizacións apresentaron dous escritos no rexistro da Xunta solicitando o seguimento axeitado e continuo das obras (executadas por TRAGSA) polos técnicos responsables do LIC na Xunta e o cumprimento do Plano de Obra do Proxecto.

En agosto de 2014 abriuse unha pista de terra compactada formando un dique para acceso de maquinaria pesada, consolidada con pedras e recuberta nas abas con terra vexetal, no LIC Gándaras de Budiño, na zona posterior do Parque de Bombeiros ocupada polo carrizal do ecosistema lagunar. En setembro a pista acada o centro do vaso principal da “Lagoa de Orbenlle”, zona central da antiga gran lagoa do LIC. En outubro a pista está compactada e prevese que non se retire. O obxectivo da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia é deixar a pista permanentemente comprometendo gravemente o futuro do “corazón” do espazo natural.

A obra de TRAGSA, moi agresiva para a fauna e flora da lagoa das Gandaras de Budiño, realízase na área crítica de conservación de sapoconcho europeo (Emys orbicularis) no LIC. Permite un acceso innecesario, incrementando as molestias á fauna, tanto herpetolóxica como á avifauna. Facilita o acceso de cánidos, gatos, visón americano e outros depredadores. Estes dous factores reducen gravemente a zona de descanso e reprodución da avifauna residente e invernante do espazo natural: aves acuáticas de varias especies e paseriformes como a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus) que ten un Plan de Recuperación en Galicia. Ademais a pista supón unha vía de entrada de especies exóticas de fauna e flora ó corazón do LIC.

Por outra parte, a pista é de acceso público e compromete a seguridade dos transeúntes e a posibilidade de accidentes. Observáronse deficiencias graves na realización da escavación e no material empregado para recubrir as pistas usadas como plataforma de traballo. Detectouse a presenza de restos de lodos de corte de granito, material tóxico que non pode ser empregado como recheo. As choivas de setembro erosionaron o dique construído e provocaron arrastre de materiais ó vaso da lagoa e carrizais. Ademais, a contaminación crónica por remoción de materiais tóxicos, danará gravemente as redes tróficas, a lagoa e a saúde do río Louro.

Por último, as organizacións constataron que camións con terra extraída na zona foron baleirados na antiga barreira do Cerquido, propiedade privada fóra do LIC e aterrada recentemente, feito denunciado polas tres asociacións: SGHN, AHE e Verdegaia.

As tres organizacións ambientais subliñan que o “LIC Gándaras de Budiño” pertence á Rede Natura 2000 da Unión Europea (código ES1140011) e que estas actuacións, vulneran diversas normativas ambientais, como a Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade e a Directiva 2004/35/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 21 de abril de 2004, sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais.