A Veiga do río Lobás, na comarca da Baixa Limia, leva anos sofrendo unha importante degradación dos seus sistemas naturais coa expansión da gandeiría intensiva que nos últimos tempos se está a incrementar o que acelera a degradación deste sistema.
O aumento da produción de porcino, nos últimos anos, ten levado a un forte incremento na produción de residuos, nomeadamente residuos orgánicos en estado liquido coñecidos como xurros que, sen posibilidade de tratamento in situ, o que fai que se estexa a espallar por toda a comarca e zonas limítrofes en cantidades moi superiores ás permitidas, provocando un forte impacto ambiental.
Esta é unha zona que, polos seus valores naturais, debería ser protexida e excluída do proceso de concentración parcelaria e así se recolle na Declaración de Impacto Ambiental da zona de Concentración Parcelaria de Castelaus-Lobás, no Concello de Calvos de Randín, publicada en agosto de 2013 e tamén recollida no informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza cando se refire á zona asociada á veiga do Río Lobás, próximo ao núcleo de poboación de Serois.
Desde Verdegaia denunciamos que a pesar disto, nos últimos meses vense realizando nesta área unha roturación con maquinaria pesada que implica a total destrución do hábitat que afecta á práctica totalidade da súa superficie, que conformaban esta zona protexida da realización de actividade agrícola. Aproximadamente 10 das 12 hectáreas están sendo destruídas co propósito de criar un depósito para os xurros procedentes da actividade gandeira, o que levará a contaminación de augas superficiais e internas e do solo.
Queremos salientar que nesta área está un dos Hábitat da lista da DIRECTIVA 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, concretamente o denominado “Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliarise Erica tetralix”. Este hábitat, recoñécido pola administración, posúe unha grande importancia pola súa riqueza ecolóxica e polo seu papel como reservorio de Carbono en forma orgánica, tan necesario hoxe en día se temos en conta a situación de emerxencia climática que padecemos.
Desde Verdegaia denunciamos a ilegalidade destas actuacións que provocan un severo impacto ambiental ano tras ano conducindo a unha espiral de degradación á que non se lle pon límite acabará coa destrución total desta zona. Pedimos que se investigue, se identifique e sancione aos responsables. Esiximos que a Administración actúe e paralice calquera actuación nesa zona e que se procure a restauración da zona degradada.