- Con motivo da celebración do día mundial do medio ambiente, as organizacións ecoloxistas Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Amigos da Terra, Verdegaia e de dereitos humanos Amnistía Internacional, despregamos unha faixa xigante na fortaleza do Castro.
- Con esta acción as organizacións queremos denunciar a inacción climática do goberno municipal.
Desde 1972 cada ano celébrase o 5 de Xuño o día mundial do Medio Ambiente, promovido polo programa ambiental (PNUMA) de Nacións Unidas para fomentar a conciencia mundial e a acción a prol do medio ambiente. O lema escollido este ano “As nosas terras, o noso futuro. Somos a xeración da restauración” céntrase en aspectos como a resiliencia, a restauración de terras, a loita contra a sequía e a desertización. Todos estes aspectos teñen tamén unha traslación ao ámbito local e son parte dos efectos da emerxencia climática.
O clima tamén se xoga en Vigo e por iso, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Amigos da Terra, Verdegaia e Amnistía Internacional reclamamos nunha carta ao Alcalde de Vigo a posta en marcha de dúas medidas que solicitaran xa en novembro pasado, co gallo do inicio do cumio climático COP28 de Dubai:
1) A posta en marcha de un proceso participativo para a elaboración de Plan plurianual de Acción Municipal sobre a Crise Climática con obxectivos específicos anuais e mecanismos de revisión e cumprimento, alineado coas recomendacións científicas para limitar o aquecemento global por baixo de 1,5ºC e centrado, entre outras cuestións, nunha transición enerxética rápida, limpa, eficiente e xusta, unha mobilidade sustentáble e multimodal e a conservación e restauración da natureza, e
2) A apertura de un canal de diálogo permanente coas organizacións asinantes desta carta para procurar vías de entendemento e colaboración nesta cuestión chave, co obxectivo de crear unha Asemblea Cidadá polo Clima en Vigo.
Igualmente, as organizacións ecoloxistas remitimos hai xa tempo ao Alcalde un Decálogo de medidas para converter Vigo nunha cidade sustentábel e resiliente. As propostas presentadas van aparelladas a medidas de ámbito local que, na maioría delas, se poden implantar de xeito inmediato, xa que requieren máis vontade política que financiamento.
As organizacións denunciamos que pasan os meses, mesmo os anos, e o Concello de Vigo non está a desenvolver ningunha medida concreta. Por iso, este 5 de Xuño facemos esta acción, para sinalar que tamén no ámbito local temos unha responsabilidade climática sen tempo que perder.