Boas, brigadistas! Logo da primeira e exitosa actuación que tivo lugar en xaneiro, volven as Brigadas ao Monte Fontelo (tamén coñecido como Monte do Estado, por ser titularidade da base naval da Graña), o próximo sábado 28 de maio.
De novo, por iniciativa das AV de Brión e San Filipe, coa colaboración das Asociacións Betula e Xeración, continuaremos cos traballos para consolidar unha das mellores fragas autóctonas do concello de Ferrol, con espectaculares vistas sobre a ría.
Ante o perigo que supón para a súa continuidade e a rexeneración natural da fraga a cantidade de rebrotes de eucalipto e novos eucaliptos de semente, as asociacións convocantes obtiveron novamente permiso de actuación dos titulares do monte.
Na xornada do sábado 28 actuaremos na zona do cume do monte, nos bordes da fraga, onde os millares de pequenos eucaliptos de semente ameazan con substituír o monte baixo e impedir a continuidade visual sobre o conxunto da ría. As persoas participantes deberán traer roupa axeitada e luvas de traballo. Debido ao pequeno tamaño da maioría dos eucaliptos de semente non vai facer falta moita ferramenta, xa que a maioría arríncanse coa man. Mesmo así, por se algún se resistise, a organización levará machados e sachos, que estarán á disposición das persoas voluntarias, que obviamente poden traer tamén a ferramenta que consideren oportuna.
A área de traballo non ten pendente nin dificultade algunha polo que é unha xornada apta para persoas de calquera capacidade física ou con pouco afeitas ao traballo no monte, así como crianzas e maiores.
O punto de encontro onde deixar os coches será no cruce da Cheira de Brión ás 9:00 h da mañá: https://www.google.com/maps/@43.4784016,-8.2730547,16z (Coordenadas: 43.478441, – 8.275801)
Para apuntarse é imprescindible, ademáis de estar inscrit@ como brigadista, mandar confirmación ao correo feryanezmarcelin@gmail.com (como moi tarde o 26 de maio inclusive) para facilitar o labor de coordinar a cantidade de xente participante.
Despois da actuación, sobre as 14h. a organización convidará as persoas participantes a un xantar colectivo na AV de Valón. Para iso, cada persoa terá que traer o seu propio vaso, prato e cubertos. Quen teña algún tipo de restrición alimentaria que avise no momento de anotarse.
Agradécese a difusión desta convocatoria entre os vosos contactos.
Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes
Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.
A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.
Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.
VÉMONOS NO MONTE!