foto_da_barreira_do_cerquido_desecada_na_actualidade.jpg Verdegaia denuncia que foi desecada a barreira do Cerquido no espazo natural das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro. A pesar de estar incluída no Catálogo de Zonas Húmidas da Consellería do Ambiente e de ser o hábitat do sapoconcho clasificado  en perigo de extinción.

Nos últimos días foi desecada a barreira* do Cerquido no espazo natural das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro. A pesar de estar incluída no Catálogo de Zonas Húmidas da Consellería do Ambiente e de ser o hábitat do Emys orbicularis -un sapoconcho clasificado  en perigo de extinción no Catálogo Galego de Especies Ameadas e de interese comunitario na  Directiva Habitats (92/43/CEE)- unha draga succionou toda a vida alí presente (agás un sapoconcho capturado previamente e trasladado a outra barreira). Ante estes factos Verdegaia quere manifestar que:

  1. A barreira do Cerquido é un espazo natural de alto valor ecolóxico que formou parte da Rede Natura até o ano 2004 cando a Consellería e Ministerio do Ambiente cederon aos intereses especulativos de varios particulares da zona, encabezados por J.J. Gradín.
  2. Nese mesmo ano construíuse sen autorización unha estrada de terra encol da turbeira e gándara do Cerquido (hábitat prioritario) e un muro que incomunicou a barreira do Cerquido e a turbeira. Estes feitos foron denunciados mais a Consellería do Ambiente di non ser competente e a de Política Territorial nin sanciona nin obriga a restaurar o lugar ao seu estado anterior.
  3. Descoñecemos a legalidade da explotación de arxila propiedade do señor Gradín (a delegación de Pontevedra do Servizo de Xestión Mineira da Consellaría de Innovación e Industria oculta información á propia Consellería do Ambiente) porén sabemos que a explotación:
    • foi sancionada hai anos por botar residuos alleos á explotación sobre barreiras nas que moraban sapoconchos (a maioría non puideron ser salvados a tempo),
    • estivo durante moitos anos parada, sen que Xestión Mineira dictara a súa caducidade,
    • ao finalizar a explotación o propietario pretende achairar a superficie e conseguir a reclasificación do chan (actualmente Solo Rústico de Protección de Espazos Naturais) como terreo industrial, o que incumpriría a obriga de restaurar a zona ao seu estado anterior ou ao que lle esixa a Consellaría do Ambiente.
  4. Que esta e outras desfeitas impunes executadas nos últimos anos supoñen a progresiva desaparición da flora, fauna e hábitats deste espazo protexido só sobre o papel.
  5. Responsabilizamos da situación actual pola súa pasividade e incompetencia aos señores Rogelio Fernández, Xosé Benito Reza e Pachi Vázquez: Subdirector e Director Xeral de Conservación da Natureza e Conselleiro do Ambiente, respectivamente.
  6. Afirmamos que a barreira do Cerquido e a súa contorna son recuperábeis. É imprescindíbel que a Consellaría do Ambiente reincorpore eses terreos á Rede Natura e que a Consellaría de Innovación e Industria paralice a explotación en vista das numerosas irregularidades e dos danos que está a ocasionar.

Barreira*: lagoa de orixe artificial formada tralo abandono das explotacións de áridos.

Fotografías da barreira do Cerquido no ano 2003 e na actualidade.

barreira_do_cerquido_ano_2003.jpg

foto_da_barreira_do_cerquido_desecada_na_actualidade.jpg