A FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA VEN DE INFORMAR A PROPOSICIÓN DE LEI DE RECUPERACIÓN DA TERRA AGRARIA

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, ven de someter a Consultas no Consello Forestal a Proposición de Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, presentada polo Grupo Popular diante da Mesa do Parlamento. Unha proposta de Lei que nace cuns obxectivos, pero que no seu desenvolvemento vai acadar outros ben distintos.

Resulta desde logo sorprendente pois é a primeira vez que se achega a un órgano consultivo, unha proposta feita desde o Parlamento, aínda que consideramos que unha Lei tan importante debería ter un período de consulta máis aberto e menos precipitado pois foi presentada o 9 de febreiro e remataba o prazo o 23 do mesmo mes

Un agro de terratenentes

A Lei pretende ordenar a actividade agraria, gandeira e forestal a través dos Catálogos Agroforestais. Estes Catálogos impoñen cales son as actividades ás que se poden adicar esas terras. A través dos denominados Polígonos Agroforestais executaranse eses obxectivos coa dirección do Axente Promotor Produtivo, cos mesmo intereses que figuran no catálogo, e que inicialmente será o maior propietario ou xestor da área de interese.

Que poden facer os pequenos propietarios? Segundo este proxecto de Lei teñen tres opcións: asociarse ao Axente Promotor Produtivo, sen garantir uns ingresos xustos do seu traballo (problema que xa acontece en áreas leiteiras ou vinícolas), ceder voluntariamente as terras ao Banco de Terras que as cederán ao mellor ofertante (por Concorrencia competitiva). E, por último, querer seguir coa súa actividade producindo sen coincidir co establecido no Catálogo, polo que declararán esas terras abandonadas ou infrautilizadas e se lle obrigará a realizar permutas, sen garantir por propiedades equitativas fora do polígono, ou podendo ser multado ou expropiado.

Perda de diversidade

Nos motivos da Lei aluden á protección da diversidade. NON É CERTO pois favorecerá os monocultivos, perda da diversidade agroforestal, e considera como un grave problema as terras abandonadas, perda de diversidade biolóxica. Ademais, considera uns beneficios ambientais á actividade agroforestal que non son verdade. As actividades agrarias e forestais intensivas favorecen a erosión ou con unha maior erosión que terreos “abandonados”, e os terreos abandonados non son causa de incendios forestais (agás raios, son causas antrópicas), si poden agrabalos (máis combustible, dificultade de acceso, etc.).

Tamén se menciona o favorecer a agricultura ecolóxica, pero á hora da verdade, so se menciona nas Aldeas Modelo, pero sen garantir totalmente esta opción.

Beneficios sociais?

A pretensión da Lei é evitar o abandono do rural e, incluso, favorecer a volta ao rural de sectores desfavorecidos como parados ou vítimas do maltrato machista. Na práctica fomenta que os propietarios se desentendan das terras, cederlla a outros e aos mencionados sectores desfavorecidos non se favorece que obteñan terras. Se queres terras págaas, despois si que te daremos axudas, haberá beneficios fiscais ou incluso te farán o papelorio.

Aínda así a Federación Ecoloxista Galega, aparte de destacar estas anomalía, informou detalladamente esta proposición que resulta no seu conxunto dubidosamente executable e que, de chegar a aprobarse e aplicarse, moi probablemente levaría a Galicia cara un escenario agrícola-forestal fortemente intensivista e insostible, protagonizado por empresas que utilizando as terras dos galegos e galegas, obterían ganancias e subvencións, proporcionando poucos ou ningún beneficio ás poboacións rurais. As medidas que se pretenden

establecer teñen, en boa medida, o obxecto de crear un entramado no que un organismo público, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, podería catalogar ou permitir a catalogación por terceiros dunha parcela como “infrautilizada” ou “declarada abandonada” para que unha figura denominada “axente promotor produtivo”, que pode ser calquera tipo de empresa ou grupo, poda pasar a ocupar e acabar sendo propietario dunha parcela. Pero é que no caso dun particular que xestione as súas propiedades con criterio de sostibilidade e produción de baixa intensidade ou que decida dedicar parte ou o conxunto das súas terras a fins de protección do solo ou de conservación da biodiversidade, podería considerarse por parte dun axente promotor produtivo que infrautiliza os seus terreos e propoñer a declaración de abandono para pasar a ocupar esas terras.

O problema máis grave é que a pretendida lei entra en clara contradición co dereito á propiedade que establece o artigo 33 da Constitución Española xa que, aínda que no seu parágrafo 3 indica que é posible a privación da propiedade dos bens e dereitos do cidadá, asevera que esta privación so se pode levar a cabo por causa xustificada de utilidade pública ou interese social. Neste caso, o que pretende a lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, é a apropiación de terreos para beneficio de particulares xa que o proceso de expropiación que establece a proposición de lei popular ten como obxectivo último que pase a ser de uso produtivo e polo tanto para beneficio dun particular, sen que se deixe claro que iso implica algún tipo de beneficio público, o podendo supoñer danos nos terreos e impedindo actividades sostibles ou mesmo protectoras que podería levar á declaración de abandono dos predios onde se levaran a cabo. Non cabe dúbida de que a norma que se aprobase si prosperase esta proposición, non soportaría un recurso de inconstitucionalidade.