O domigo 11 de xaneiro realizaremos unha andaina pola Zona de Especial Conservación das Ribeiras do Louro (O Porriño). Esta andaina será a segunda parte dunha actividade pensada para comparar un ecosistema dado en dous momentos diferentes do ciclo anual da natureza.

A primeira parte foi realizada no mes de maio, momento no que moitas especies de plantas estaban en plena floración e todas as árbores brotadas, ademais de estaren en plena época de cría as aves, herpetos, mamíferos e insectos.

Agora en xaneiro iremos polos mesmos enclaves visitados na primavera coa meirande parte dos seres vivos das Ribeiras do Louro resistindo os rigores do outono-inverno.

Nesta saída apuntaremos o que vexamos e compararémolo co observado en maio para tomar consciencia dos cambios que se producen nos diferentes momentos do ciclo anual da natureza na Zona de Especial Conservación das Ribeiras do Louro e dos seus arredores.

  • Data: domingo 11 de xaneiro, de 11:00 a 14:00h.
  • Punto de saída: Barreira de Orbenlle (O Porriño) – 42°06’06.1″N 8°37’51.5″W
  • Dificultade: Baixa – 4 km sen desnivel
  • Inscrición: gratuíta pero obrigatoria en info@verdegaia.org, indicando un número de teléfono e se algún participante é menor de 14 anos. Terán preferencia as persoas que participaron na primeira parte da actividade.