As Brigadas (tamén desacaciadoras!), convocadas pola Asociación Veciñal de Lentille teñen nova cita nesta aldea do Ribeiro o sábado 24 de abril. Seguiremos deitando acacias para afastar esa ameaza do perímetro da aldea e mais adiante reforestarmos con frondosas autóctonas.

Para vos apuntar, é preciso, alén de serdes Brigadistas, é preciso enviar un correo electrónico a avlentille@gmail.com até como moi tarde o dia 21 de abril. Lembrade que as prazas son limitadas (grupos separados con números reducidos segundo a normativa) para podérmonos axeitar ao protocolo covid. O albaroque terá lugar por volta das 14:30 mantendo a separación dos grupos de traballo.

O punto de encontro será o estacionamento do Souto ás 10:00 para quen viaxedes de lonxe virdes con calma e seguridade. As persoas serán asignadas previamente ao seu grupo reducido e deberán dirixirse a pé até as zonas de intervención (10 minutos). A acción realizarase en pequenos grupos separados de un máximo de 5 persoas, mantendo igualmente as distancias persoais entre si. Cada grupo contará cun motoserrista debidamente equipado e 4-5 brigadistas que retirarán e separarán madeira e ramallada.

A media mañá teremos un almorzo con froita fresca e froitos secos. Disporemos bidóns grandes de auga fresca nas zonas de intervención, mais debedes traer a vosa propia garrafa para encher, así como luvas, calzado axeitado e mesmo unha muda por se cadra chuvia e nos mollamos.

O menú do albaroque aínda está por concretar mais xa hai un ruxe ruxe e disque a celebrada crema de ortigas do Paulo formaría parte del. Viño e licores tampouco faltarán. Vós veredes.

Teremos aínda á disposición das Brigadistas debutantes camisolas en algodón ecolóxico e chapas que son privilexio exclusivo de Brigadistas activas. Se aínda non tendes a vosa e ides estar en Lentille no 6-F lembrade de indicarnos a vosa talla no momento de vos apuntardes (S – M – L – XL – XXL) pois só poderemos levar o número xusto de camisolas de cada talla. Lembramos que as camisolas son totalmente gratuítas para as brigadistas activas aínda que serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente decucíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando da súa participación na brigada e o seu interese en recibir a moeda.