A confederación estatal Ecologistas en Acción lanza unha campaña de denuncia ao PSOE por incumprimento do seu programa electoral, xa que non pechou en dúas lexislaturas nin unha central nuclear. Faino concedendo o Premio Atila a José Luis Rodríguez Zapatero e presentando unha campaña gráfica.
Ecologistas en Acción vai pór en marcha unha campaña de denuncia do incumprimento da promesa electoral do PSOE de peche das centrais nucleares.
O lanzamento consistiu en poñer en marcha unha edición especial dos Premios Atila, que todos os anos convoca a organización ecoloxista á maior destrución ambiental.
Nesta edición especial, a organización ecoloxista outorgou o Premio Atila á maior destrución ambiental a José Luis Rodríguez Zapatero, baixo o alcume de "Zapatero el pusilánime". O Presidente do Goberno recibiu o premio pola súa incapacidade de pechar nin unha soa central nuclear en dúas lexislaturas, a pesar de se declarar "o máis antinuclear do Goberno" e ter pechado o PP unha central nuclear na súa última lexislatura gobernando.
Alén diso, o anuncio dunha prórroga de 4 anos máis para Garoña é facilmente revogable polo seguinte Goberno.
"Zapatero el pusilánime" demostrou que son as grandes eléctricas as que marcan a política enerxética do seu Executivo e non o programa polo que foi elixido.
O segundo premio, o Cabalo de Atila, foi concedido ao Ministro de Industria, Miguel Sebastián, baixo o sobrenome de "Sebastián el irresponsable". O alcume do que foi merecedor conségueo grazas a antepor o beneficio de Iberdrola e Endesa ao máis obvio principio de precaución. Non pode manterse aberta unha central como a de Garoña, que ten problemas de corrosión na vasixa e o circuíto primario.
Por último, Ecologistas en Acción creou un premio especial: as Carrachas do Cabalo de Atila. Este premio foi concedido a Endesa e Iberdrola que conseguiron que o seu lucro estea por riba da vontade popular expresada nas urnas e da seguridade da cidadanía presente e futura. Ambas as empresas demostraron unha vez máis que as multinacionais son o verdadeiro poder na sombra dos Gobernos da Unión Europea.
Estas iniciativas servirán para animar a mobilización contra o parque nuclear español e a construción do Almacén Temporal Centralizado (ATC) de residuos radiactivos.
Documento: Cartel de denuncia promesa electoral PSOE
Máis información: Web sobre enerxía nuclear de Ecologistas en Acción