Ecoterroristas, ecoloxistas “radicais” e cualificativos semellantes flúen estes días nos titulares de distintos medios de comunicación nunha cerimonia de confusión e terxiversación realmente lamentábel, construíndo un discurso parcial, falso e manipulado.

En primeiro lugar, non é defendíbel nin o cualificativo de ecoterroristas, nin de ecoloxistas radicais. O Animalismo é unha liña de pensamento absolutamente respectábel mais que pode estar ou non inserida no concepto máis amplo de ecoloxismo. O feito de defender a liberación animal non cualifica de por si a un determinado colectivo ou persoa como ecoloxista. Moito menos é defendíbel cualificar de "terrorismo" unha suposta solta de visóns nunha determinada granxa, por moito dano ambiental que provoque e que de feito pode ser un "delito ambiental" como semella que é a acusación contra estes activistas.

De aplicarmos ese cualificativo, deberemos xa que logo cualificar tamén como ecoterroristas aos directivos de Ence-Elnosa, sentenciados polos verquidos de mercurio ambiental á Ría de Pontevedra, as centos de industrias e concellos que verquen residuos directamente aos ríos sen ningún tipo de tratamento, á empresa Ferroatlántica ou a Iberdrola polo secado dos ríos Xallas ou o Sil, o vertido de produtos químicos ao río Umia en Caldas por parte de Brenntag Química e tantas outras actuacións sentenciadas en firme ou en proceso. Tamén cumpriría incluír entón ás persoas responsábeis ambientais das distintas administracións como cooperantes necesarios deste ecoterrorismo.

Tamén resulta evidente a dobre vara de medir na aplicación da xustiza, cando se detén a estas persoas durante días aducindo a súa suposta participación nunha solta de visóns no ano 2007, mesmo pertencendo algunhas a colectivos que rexeitan estas prácticas, mentres calquera dos delitos anteriormente mencionados non chegaron a pisar en moitos casos un xulgado.

Os movementos sociais están a sufrir un proceso de criminalización e persecución crecente onde interesadamente se colocan etiquetas de violentos, radicais, terroristas, etc, a asociacións ou colectivos con métodos de acción nonviolentos. A consecuencia deste proceso é un incremento das acusacións, en moitos casos infundadas, e das conseguintes multas de centos ou miles de euros ou mesmo sentenzas de prisión. Cada vez a crítica está máis controlada e ten menos espazo para expresarse con liberdade nun entorno institucional que o xurista e teórico do dereito Luigi Ferrajoli ten denominado como de "poderes salvaxes"."

O responsábel principal da introdución de especies como o visón americano é o propio feito da existencia destas granxas e a conseguinte fuga de exemplares delas, froito da inexistencia de mínimas medidas de seguridade. As instalacións das granxas presentan deficiencias neste senso que non están a ser controladas polas administracións. Unha instalación deste tipo representa un "perigo biolóxico". O desleixo en adoptar medidas para minimizar este risco por parte de particulares e empresas propietarias destas fábricas de peles coa consecuente introdución dunha especie alóctona no medio é tamén un delito ambiental e, xa que logo, seguindo o razoamento dos medios, "ecoterrorismo". Galiza ten instaladas no seu territorio o 80% das granxas de visón "presuntamente ecoterroristas" do Estado, onde se masacran anualmente máis de 290.000 visóns para fornecer de peles a estulticia dunha minoría.

A introdución accidental ou deliberada de especies alóctonas comporta grandes impactos para a fauna autóctona e o funcionamento normal dos ecosistemas. O Visón americano (Mustela vison) é unha especie alóctona, depredadora xeralista e oportunista, cunha grande capacidade de colonización. Unha vez asentados no territorio, depredan sobre un amplo abano de especies, moitas delas en perigo de extinción, como poden ser anfibios, aves, insectos acuáticos, peixes etc.

Verdegaia non defende as soltas reivindicativas de visóns polas consecuencias que teñen sobre o medio, mais isto non é óbice para que expresemos o noso rexeitamento máis absoluto á cría de especies animais en condicións aberrantes, como é o caso dos visóns americanos, coa única finalidade de lles arrincar a pel para a confección de abrigos destinados ao ornamento. A industria peleteira é un exemplo de crueldade imperdoábel e innecesaria coa única finalidade de subministrar obxectos superfluos e elitistas.

Só adoptando unha liña de actuación que prohiba a existencia destas fábricas de tortura, xunto cunha xestión ambientalmente axeitada dos exemplares vivos en catividade e exercendo opcións de consumo responsábel poderemos erradicar dunha vez este problema.

Verdegaia tamén esixe ao conxunto dos medios de comunicación rigor e ecuanimidade no tratamento das informacións, máis aínda nestes tempos convulsos.