Verdegaia presentou unha queixa perante o Valedor do Pobo polo incumprimento por parte da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da obriga legal de advertir á poboación afectada da superación do denominado limiar de información relativo ao ozono troposférico, un dos principais contaminantes do aire. Foi o que aconteceu este ano perante senllos episodios de contaminación por ozono rexistrados a principios de abril en Ferrol e a finais de xullo en Pontevedra.
Porén, a Xunta limítase a publicar os datos na súa web sobre calidade do aire, o que resulta claramente insuficiente. Así o entende tamén o "Defensor del Pueblo" quen, perante unha queixa formulada por Ecologistas en Acción, considerou que a difusión da información entre a poboación de forma rápida e a gran escala non se consegue se as administracións responsables só colgan nunha web institucional os datos, sendo necesario empregar tamén "outros medios de comunicación de maior alcance como radios e televisións (públicas e privadas), do mesmo xeito que se difunden, por exemplo, as temperaturas, os níveis de pole, os níveis dos encoros ou a densidade de tráfico rodado pola radio e a televisión".
Un contaminante que se forma a partir doutros
O ozono da troposfera (a capa da atmosfera en contacto coa superficie) é un contaminante secundario que se forma mediante unha complexa serie de reaccións nas que participan a radiación solar e contaminantes coma o dióxido de nitróxeno e os compostos orgánicos volátiles. A elevadas concentracións causa irritación nos ollos, superficies mucosas e pulmóns. A resposta á exposición ao ozono pode variar moito entre persoas por razóns xenéticas, idade (afecta máis aos nenos e as persoas maiores) e pola presenza de doenzas respiratorias como alerxias e asma. Para prevenir a contaminación por ozono é esencial reducir o uso de combustibles fósiles (carbón, petróleo, gas natural).
A contaminación por ozono pode producirse lonxe das fontes de emisión, evidenciándose así, unha vez máis, que a contaminación atmosférica non entende de fronteiras. Do mesmo xeito que episodios de contaminación por ozono fóra de Galicia teñen orixe en emisións efectuadas desde territorio galego, moitos dos que suceden no noso país proceden de emisións de zonas industriais e urbanas da Meseta Central, do norte de España ou do litoral portugués.
Documentación: