Citroen-Bouzas

Ante a presentación deste documento, desde VERDEGAIA queremos indicar :

Que desde o ano 1993 (lei 27/1992 de 24 de Novembro) estableceuse a obrigatoriedade da redacción, tramitación e aprobación do Plan de Utilización dos Espazos Portuarios do Porto de Vigo, polo que era obrigatorio contar cun plan de utilización de Espazos Portuarios para levar a cabo calquer obra dentro do espazo portuario e que ao non existir ese PEUP, todas as obras realizadas e concesións outorgadas dende o ano 1993, carecen de soporte legal.

Que diversas sentencias tanto do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional  indican que un plano especial do porto, aprobado por un concello non pode autorizar intervención algunha sobra a lámina de auga do litortal, pois están fora da súa competencia urbanística ao carecer esta da consideración de termo municipal.

Que a DEUP sinala, fixa e determina cais van ser os usos e actividades nas zonas delitmitadas e que a grande maioría das actividades que se realizan no Porto de Vigo carecen de calquer tipo de evaluación ambiental, e nunca se realizou un estudo ambiental estratéxico do Porto de Vigo. Os usos vinculados obxecto de inclusión , son claramente xeradores de actividades que afectan ao medio ambiente. Que a DEUP é un documento de planificación portuaria e non un plano urbanístico, constituíndo un presuposto previo, e imprescindibel, para a elaboración do posterior Plan Especial de Ordenación do Porto ou Instrumento equivalente, o cal sí ostenta natureza urbanística, pero parece que a APV non ten moi claro o que significan os termos planificar e urbanizar xa que os emprega como sinónimos.

Que desde o ano 2003 a lei 48/2003 establece que a ampliación ou realización de novas infraestruturas nun porto estatal que alteren significativamente a a configuración require a previa aprobación de un Plan Director de Infraestructuras. Tal Plan debe definir as necesidades de desenvolvemento do porto nun prazo de, polo menos, 10 anos. E sen embargo, o Porto de Vigo carece de Plan Director de Infraestruturas o que fai que todas as obras de ampliación realizadas desde o ano 2003 carecen de soporte legal. Na memoria desta DEUP, recoñece que hai previstas obras de ampliación ( Bouzas, Coia,..) e que carecen do necesario e preceptivo  plan director de infraestructuras portuarias. Estas obras xunto coas do múelle de comercio que se está a realizar e na que está prevista unha segunda fase non están recollidas nen explicadas de maneira explícita na memoria deste  DEUP e o público non pode ter acceso a toda a información necesaria. Tampouco fai referencia ao necesario PDIP que sería o que lle daría cobertura legal. Ou sexa prevense obras de ampliación de infraestructura del Puerto de Vigo, sen que a APV dispoña do preceptivo Plan director de infraestruturas o que fai que todas esas obras sexan ilegais.

Que legalmente teñen a obriga  de demostrar e xustificar a legalidade de todas e cada unha destas infrestruturas que levan realizado e no caso _que é o que nos ocupa- de non poder facelo, a lei di claramente que teñen que recuperar o espacio ao estado orixinal.

Que en cumprimento da lexislación en vigor (Lei 9/2006, de 28 de abril, de Avaliación dos efectos de determinados planos e programas no medio ambiente e na Directiva Comunitaria 2001/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 21 de Xuño de 2001), tería de terse elaborado un Informe de Sustentabilidade Ambiental  que posteriormente fora exposto a consulta pública. Esta DEUP non inclúe ningún documento de Sostibilidade e Impacto Ambiental.(que é preceptivo e imprescindibel) de acordo co disposto na citada lexislación. O procedemento de Avaliación Estratéxica Ambiental é obrigatorio para os grandes proxectos das Administracións Públicas e os seus organismos. Nesta lei se recolle tamén que o informe ten que ser accesibel e intelixibel para o público e reflectir entre outros aspectos os provabeis efeitos significativos no meio ambiente incluídos aspectos como a biodiversidade, a povoación, a saúde humana, o agua, o ar, a paisaxe e a interrelación entre estes factores , asi como as medidas previstas para prevenir, reducir e, na medida do posíbel, contrapesar calquera efeito negativo.Polo tanto queremos subliñar que é IMPRESCINDIBLE a realización da Evaluación Ambiental polo que ao non se ter feito , a DEUP sería totalmente nula.

Que entre os valores ambientais e patrimoniais conta con: Zonas de protección ambiental enmarcadas na Rede Natura 2000, Lugares de Interese especial ou Zonas de Especial Protección para as Aves, entre os que destaca o Parque Nacional das Illas Atlánticas que conta coas Illas Cíes como enclave privilexiado.  A Ría de Vigo tamén está incluída na proposta de IBAs mariñas, para a protección das aves, no relativo á área ES402 que engloba a contorna das Rías Baixas, en cumprimento da Directiva Aves (79/409/EEC). Conta ademais coa presenza de especies mariñas incluídas no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas e no Real Decreto 139/2011, 2011, para o desenvolvemento da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas. A Ría de Vigo, Polas súas características é un espazo moi sensible á contaminación ou degradación, o que fai preciso ser moi rigoroso no deseño de propostas, proxectos ou actuacións que poidan poñer en risco o uso e explotación sostible do medio e as actividades extractivas mariñas artesanais, recentemente recoñecidas pola Política Pesqueira Comunitaria, como unha base fundamental das comunidades pesqueiras europeas, como é o caso do litoral de Galicia.

Que calquer DEUP para o porto de Vigo debe contemplar unha moratoria de máis recheos e unha moratoria de máis portos deportivos . Debe estudar a posta en funcionamento dun organismo de control medio ambiental, con garantías e transparencia, das actividades do Porto e doutros organismos ou administracións que incidan na Ría. As actuacións previstas minguarán aínda máis a calidade ambiental da ría e a súa capacidade de rexeneración e depuración natural polo que se favorecerá o incumprimento da normativa europea en relación a calidade de augas tanto para a cría de moluscos como para o baño. Os proxectos destas obras deberían estar sometidos a unha avaliación de impacto ambiental (AIA) – RD 1/2008 de 11 de xaneiro- e na documentación non consta que estes proxectos fosen sometidos a unha AIA.

Que calquer DEUP debe fomentar a partición cidadán e pública e debe contar coa participación activa de colectivos sociais, de defensa medioambiental tal como se reflicte na lei 27/2006. Unha verdadeira participación democrática non consiste en que os cidadáns formulen suxestións e alegacións nos períodos de consultas, senón en que se corresponsabilicen no proceso de decisións e para isto é preciso que se poida debater un plan ou programa ao longo de todo o seu proceso de elaboración.

Que estas actuacións que significan, na práctica, a privatización e destrucción da nosa costa, están ao servizo de grandes empresas privadas (co beneplácito das nosas administracións) cuxo único fin é obter o maior lucro posible sen reparar no prexuízo xerado á súa riqueza ecolóxica, á cidadanía e ao entorno. É moito o espacio portuario ocupado por empresas , en réximen de concesión administrativa, cuxas actividades son alleas á estrictamente portuaria e que non deben estar ubicadas no Porto. É  constatable que o territorio portuario está invadido  por  entidades, empresas, asociacións e particulares cuxa actividade nada ten que ver cos usos e servizos a prestar polo porto. Resulta obrigado que os responsables da APV xustifiquen debidamente con transparencia e sen lugar a dúbidas a ocupación do espazo portuario por entidades, empresas ou particulares e se estas deben ou non deben estar ubicadas en zona portuaria argumentando a súa relación directa co Porto.

Que Calquer novo proxecto para o Porto de Vigo debería estar baseado  nos principios comunitarios recollidos xa no VI Programa Marco de Acción Comunitaria en Materia de Medio Ambiente, no cumprimento da lexislación ambiental vixente, na compatibilización de usos, na participación pública , na renuncia  a obxectivos especulativos.

Esta DEUP non recolle o argumentado anteriormente, o documento da DEUP que se expón é insuficiente para amparar e lexitimar as ampliacións e novas infraestruturas do Porto. Non da resposta a todos os recheos ilegais que se levan máis de 20 anos construindo, non ten en conta a realización da avaliación ambiental o que o fai nulo desde o comezo, sigue a mesma política de ilegalidades que se seguiu ata o de agora no Porto de Vigo. A APV non contempla unha planificación e reorganización do espazo portuario para ubicar alí somente as actividades estrictamente necesarias e sigue empeñada en levar adiante actuacións para converter os espazos gañados ao mar en polígonos industriais.

Desde VERDEGAIA pensamos que esta DEUP (tan necesaria e desexada) foi mal xestada e iso que fai case 20 anos que era obrigado ter un plan de usos. Non da resposta a todas ilegalidades cometidas e ela mesma nace saltándose a lexislación vixente (falta de PDI, estudos de sostibilidade ambiental e avaliación ambiental,etc). Nace ao amparo dos intereses especulativos de certos sectores industriais, amparados e protexidos pola APV sen plantexarse en nengún momento cais son os intereses da Ría e do povo. Por todo o exposto , esta non é a DEUP que precisamos e esperabamos.

odtalegación_verdegaia_DEUP_1.odt

//

//