As centrais térmicas de carbón son centrais eléctricas ineficientes e sucias que non teñen cabida nun modelo enerxético sustentable. Só desde visións interesadas, localistas e curtopracistas se pode defender a actividade das centrais térmicas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (GAS NATURAL FENOSA). A xuízo de Verdegaia, as centrais térmicas galegas deberían ser das primeiras do Estado español en pechar, xa que só empregan carbón de importación.
Usar carbón de importación procedente de países afastados incrementa aínda máis as enormes emisións de dióxido de carbono (CO2) -principal gas causante da mudanza climática- das térmicas de carbón, pois ás xeradas na propia central hai que sumar as debidas ao transporte. Ademais, as importacións supoñen trasladar fóra das nosas fronteiras os fortes impactos da minería do carbón, constituíndo un exemplo máis de exportación dos impactos ambientais asociados ao sobreconsumo enerxético peninsular.
As centrais térmicas de carbón galegas téñense beneficiado de apoios importantes do Goberno central. Dunha banda, a través da asignación excesiva e gratuíta de permisos de emisión de CO2 no marco do comercio europeo de emisións, en vigor desde 2005. Doutra banda, mediante o pagamento de primas por queimar carbón autóctono até o esgotamento en 2007 das minas situadas ao seu pé. As centrais das Pontes e de Meirama recibiron durante varios anos primas (1) que respondían a unha política estatal de favorecemento da minería de carbón española, a mesma que agora rexeitan cando as prexudica.
Verdegaia oponse a calquera tipo de axuda pública aos combustibles fósiles, e polo tanto tamén ao recente decreto estatal que favorece a produción das centrais térmicas que usan carbón español, aínda que este decreto contribuirá a limitar a actividade das térmicas galegas e, deste xeito, tamén a súa elevada contaminación. Por causa da crise, da maior achega das renovables e das novas centrais de ciclo combinado, nos últimos anos xa ten diminuído de forma importante a produción das térmicas de carbón, e con ela as emisións de CO2 , que pasaron dos14 millóns de toneladas en 2007 aos 7,3 en 2008 e aos 6,9 en 2009. Con todo, a súa achega ao cambio climático segue a ser relevante, sendo semellante á de todo o sector do transporte, o segundo sector máis emisor en Galicia logo do sector eléctrico. Producir 1 MWh de electricidade nas térmicas de carbón emite 0,89 toneladas de CO2, fronte ás 0 das renovables e ás 0,26 das centrais de ciclo combinado a gas natural.
Nos cinco primeiros meses deste ano o carbón achegou o 4,8% da produción eléctrica española, face ao 40% das renovables, o que é unha excelente noticia. O que Valentín González Formoso, alcalde das Pontes e Secretario de Industria e Enerxías Renovables do PSdG-PSOE cualifica de “tríade terrible” (“falta de demanda, exceso de enerxía fotovoltaica e a pluviosidade, a peor inimiga do carbón”) (2) é para Verdegaia unha “tríade fantástica”. O decrecemento do consumo e a expansión das renovables son as chaves para un futuro enerxético sustentable, sen mudanza climática catastrófica, con máis empregos verdes, con menor dependencia do exterior, beneficioso para o conxunto de Galicia e para o planeta. As consecuencias sociais locais negativas derivadas do cesamento ou diminución da actividade das centrais térmicas de carbón deben ser tidas en conta e paliadas, mais non deben impedir a substitución dunha produción eléctrica tan sucia que causa tantos prexuízos socioambientais.
Notas
(1) Así, entre 1999 e 2006 recibiron unha prima permanente de 2,5483 €/MWh e unha prima específica de 5,4163 €/MWh (As Pontes) e 10,4462 €/MWh (Meirama).
(2) Declaracións recollidas no xornal La Opinión de A Coruña (27 de xuño de 2010).
(3) Máis información sobre os impactos das térmicas de carbón galegas no informe de Verdegaia
“Centrais térmicas de carbón: grandes fábricas de cambio climático”