el-cambio-climatico-es-el-reto.jpgVerdegaia asinou unha declaración internacional contra a Captura e Almacenamento de Carbono (CAC) e a favor das renovables e da eficiencia enerxética. A proposta de Greenpeace, máis de 100 organizacións sociais apoiaron esta declaración, entre as que tamén se atopan a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Ecologistas en Acción. A CAC chegaría tarde para evitar unha mudanza climática catastrófica e resulta unha excusa para construír novas centrais térmicas de carbón, o combustible fósil máis contaminante.

Esta  hipotética tecnoloxía pretende capturar o dióxido de carbono (CO2) procedente das chemineas das centrais térmicas e almacenalo en depósitos subterráneos. O seu desenvolvemento futuro está promovido polo sector do carbón.

 A Captura e Almacenamento de Carbono (CAC) presenta importantes inconvenientes, segundo se pon de manifesto no informe de Greenpeace "Falsas Esperanzas: por qué a Captura e Almacenamento de Carbono non salvará o clima", baseado en estudos científicos independentes revisados externamente por especialistas:

 -A tecnoloxía da CAC non ofrece unha solución que evite a tempo unha mudanza climática perigosa. Non se prevé que a tecnoloxía da CAC estea dispoñible antes de 2030, como moi cedo. Para evitarmos os peores impactos das alteracións climáticas, as emisións globais de gases de efecto invernadoiro teñen que comezar a reducirse en 2015, é dicir, dentro de tan só sete anos.

 -A tecnoloxía da CAC desperdicia enerxía.  Esta tecnoloxía utiliza entre o 10% e o 40% da enerxía producida por unha central térmica. Prevese que a súa adopción a grande escala acabe coas vantaxes en eficiencia conseguidas nos últimos 50 anos e aumente nun terzo o consumo de recursos.

 -O  almacenamento subterráneo de carbono é arriscado. Non é posible garantir o almacenamento seguro e permanente de CO2.  Mesmo uns niveis de fugas moi baixos poderían minar calquera esforzo para mitigarmos a mudanza climática.

 -A tecnoloxía da CAC é cara. Podería dar lugar a que os custos das centrais se duplicasen e a que o prezo da electricidade se incrementase entre un 21% e un 91%. O diñeiro investido en CAC afastará os investimentos das solucións sustentables para a mudanza climática.

 -A tecnoloxía da CAC conleva riscos significativos en materia de responsabilidade civil. Representa unha ameaza para a saúde, os ecosistemas e o clima. Non fica clara a magnitude nin o alcance da responsabilidade, nin quén se faría responsable dos danos.

 Unha "solución" para a Comisión europea e para o Goberno español

 A Comisión europea vén de facer público un borrador de Directiva sobre o almacenamento xeolóxico de dióxido de carbono, mentres que a nivel estatal o Goberno incluiu o apoio á CAC como unha das medidas da Estratexia Española de Cambio Climático e Enerxía Limpa (2007-2020). O 4 de Marzo deste ano o Ministerio de Industria publicou no B.O.E. a "proposta de reserva provisional a favor do Estado de estruturas subterráneas susceptibles de ser un efectivo almacenamento de dióxido de carbono", ningunha das cais se sitúa en Galicia.

Máis información: 

Declaracion internacional fronte á captura e almacenamento de carbono