O Movemento Galego polo Clima (MGPC), do que forma parte Verdegaia, vén de preparar un Decálogo para presentar, ante os partidos políticos e a sociedade, propostas de acción para combater o Cambio Climático desde as institucións galegas.

O documento pretende que os partidos políticos asuman, e poñan en práctica, as medidas necesarias para loitar contra a crise climática e as crises social e económica derivadas da mesma que nos depara o futuro se seguimos sen reducir as emisións de Gases de Efecto Invernadoro (GEI) causantes do cambio climático que o movemento ecoloxista e a comunidade científica levamos anos anunciando.

A próxima Lei de Cambio Climático que será debatida no parlamento do estado nos próximos meses presenta retos moi conservadores pospoñendo de novo ao futuro tomar medidas contundentes e eficaces para loitar contra o cambio climático.

Acreditamos que, de non tomar medidas urxentes, as posibilidades de sair de maneira xusta da crise van ser cada vez máis difíciles. Estase acabando o tempo para sairmos de maneira social, económica e ambientalmente responsábel da crise.

A crise social provocada polo coronavirus, fruto de zoonoses derivadas en boa parte da acción humana, e non contarmos cun modelo económico e social que acabe coas industrias altamente dependentes e emisoras de CO2 e outros GEI, obríganos a sair desta situación sen volver á “vella normalidade” buscando fórmulas que nos permitan recuperar os coidados das persoas e do planeta, e apostar por modelos sociais e económicos afastados das grandes industrias extractivistas de materias primas, dependentes do petróleo e emisoras de GEI.

O Decálogo que presentamos desde o MGPC procura por un lado obxectivos maiores aos declarados pola Xunta de Galiza e o Goberno do Estado e trata de incrementar a redución de emisión de GEI que eviten o cambio climático. Por outro lado apóstase por modelos sociais e económicos que faciliten avanzar cara unha sociedade menos dependente do petróleo, con cambios nos modelos urbanos, industriais, na mobilidade e o turismo e avanzando cara modelos agrícolas e gandeiros ecolóxicos, reducindo a pegada do carbono da alimentación e procurando atinxir a neutralidade climática incrementando a superfície forestal con especies autóctonas e as áreas protexidas.