• A plataforma Vigo polo Clima presenta un documento de medidas de cara ás eleccións municipais para facer de Vigo unha cidade sustentable e resiliente, que protexa a biodiversidade, o clima e as persoas.
  • Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e Verdegaia, integrantes da plataforma, redactaron este decálogo que abrangue desde a mobilidade, a xestión da auga e o arboredo ata a economía e a fiscalidade, pasando pola importancia de recuperar a participación do tecido asociativo nas decisións municipais.
  • O conxunto de medidas será presentado aos partidos políticos con representación no concello, amais de facerse público para a cidadanía de Vigo.

Para a plataforma Vigo polo Clima as elevadas emisións de gases con efecto invernadoiro e a contaminación atmosférica e acústica causada polo tráfico son graves problemas que están a afectar tanto á nosa contorna natural como á poboación viguesa, en especial a mozas, anciás e persoas con afeccións respiratorias. Os niveis de concentración de material particulado e de ruído superan os máximos recomendados pola OMS e a cidade está entre as que teñen máis coches por habitantes do Estado.

Por iso, para as ecoloxistas viguesas, é fundamental fomentar a mobilidade non motorizada, activa e inclusiva, a pé e en bicicleta, dándolle prioridade sobre os demais medios. E conseguir así a redución da circulación de automóbiles, principais xeradores de boa parte dos problemas ambientais da cidade: ruído, mala calidade do aire, pouco espazo para as persoas, etc.

Tamén demandan unha política integrada de respecto ao medio ambiente da cidade de Vigo, apostando pola renaturalización e a protección, ampliación e nova creación de áreas verdes.  A conservación de parques e xardíns, de árbores das rúas, da flora de beirarúas e espazos libres reporta beneficios para a saúde e a calidade de vida das viguesas e vigueses.

“O privilexio de contar cun amplo rural no municipio é unha oportunidade, non un castigo. O rural tamén protexe a cidade dos rigores do cambio climático, favorece a biodiversidade e contribúe de xeito importante á sustentabilidade”, sinala Ana Pascual, voceira de Ecoloxistas en Acción.

As organizacións tamén insisten en coidar a ría é Vigo, por canto os rigores do cambio climático poñen en perigo o litoral, pola suba do nivel do mar, e os recursos, polo aumento de temperaturas, acidificación oceánica e eventos climatolóxicos extremos. Por iso, subliñan desde Vigo polo Cilma que coidar da ría é coidar da cidade.

“A emerxencia climática aprémanos a transformar os nosos municipios para limitar o quecemento global a 1,5 °C e, para logralo, a ciencia indica que temos que atinxir cero emisións netas en 2040. Os concellos urbanos son grandes consumidores de enerxía, pero tamén teñen moita capacidade de xeración renovable mediante plans de autoconsumo, autoconsumo compartido, comunidades enerxéticas e mesmo parques singulares”, alerta Manoel Santos, voceiro de Greenpeace Galicia.

Destacan, ademais, que para impulsar a vida nos barrios cómpre avanzar nunha economía local e de proximidade, que impulse a soberanía alimentaria, silvicultura, agricultura e gandería ecolóxica e de proximidade. E, de igual xeito, cómpre recuperar a vida comunitaria neses barrios, fomentando lugares e actividades de socialización en detrimento do consumo desaforado.

De igual xeito, dende Vigo polo Clima reclaman unha fiscalidade ambiental, xa que esta pode mellorar a calidade de vida das persoas e lograr unha maior xustiza distributiva, que ademais redunde na mellora e coidado do noso medio ambiente. Para as organizacións ecoloxistas viguesas non hai xustiza ambiental sen xustiza social. E subliñan que a carón da crise climática e de biodiversidade subxace outra crise, a social, que fala dun excesivo incremento da concentración da riqueza, de desigualdades e de prácticas económicas que poñen en perigo a sustentabilidade da vida.

No derradeiro punto do decálogo denuncian que a toma de decisións que moldean a cidade cara o futuro non poden ser tomadas de costas á cidadanía. Nos encontros coas forzas políticas da cidade demandarán aos seus representantes a necesidade de que Vigo sexa un concello aberto, cun goberno que dialogue coa cidadanía e esté ao servizo de ela. Por iso insisten en que os grandes plans sectoriais deben incluir mesas de diálogo cos colectivos vigueses implicados.

Consulta o decálogo.