Esta semana a Fiscalía da Audiencia Nacional vén de publicar as súas acusacións, cargos e penas solicitadas para 12 persoas procesadas na operación Jaro contra o independentismo, en concreto contra os colectivos Ceivar e Causa Galiza. Suman un total de 102 anos de prisión.
Verdegaia non é unha asociación que teña unha postura ao respecto da cuestión nacional. Porén, temos dúas razóns de peso para facer chegar a nosa voz como asociación ante este feito. Unha é sermos parte do ecoloxismo social e polo tanto termos un claro vencello coa defensa dos dereitos e liberdades e a denuncia de toda acción represiva por parte dos poderes estatais, quer executivo, quer lexislativo ou xudicial. Outra é unha cuestión máis persoal, xa que unha das nosas socias, que ademais agora está a facer unha labor (e moi boa labor por outro lado) como Coordinadora Xeral da asociación, está entre as acusadas.

Xa manifestamos cando comezou todo isto o noso apoio a Sabela. Porén, cando parecía que tras anos dun tortuoso proceso, co nivel de sufrimento que implica vivir con ese peso enriba, as acusacións iniciais ían ficando en nada, agora a Fiscalía tira da manga toda unha serie de acusacións con consecuencias moi graves para as persoas procesadas de teren algún percorrido no futuro xuízo. Quen teña interese en ler algo máis detallado sobre isto pode consultar esta nova do xornal O Salto (https://www.elsaltodiario.). Chégase a acusar mesmo por facer unha consulta sobre un trámite administrativo, xa que a lóxica que se aplica é que como estes colectivos son en si criminais, todo o que fagan as súas integrantes é tamén criminal. É un exemplo de manual do que se deu en chamar “dereito penal do inimigo”. Baixo este esquema o importante é crear unha figura, un rol de inimigo, no que as persoas acusadas deben encaixar, torturando para iso os argumentos máis alá de toda lóxica. Hannah Arendt comentaba unha estratexia similar ao analizar os totalitarismos. Non se trata de facer comparacións forzadas, pero si de sinalar o camiño que abren estas prácticas. Porque estamos nuns tempos de retroceso evidente no xa precario equilibrio de dereitos e liberdades que determinaba o marco do Estado español. Tempos nos que a vida das persoas vale cada vez menos e pesan máis as etiquetas, nos que nin o propio sistema respecta xa as elementais fórmulas das que se dotaron, cando menos nominalmente, as democracias liberais. E, non o esquezamos, de volta de prácticas e discursos do repertorio das ultradereitas de todo pelaxe, que reverberan por todas as esquinas, tamén as institucionais.
Para nós non só Sabela é inocente do que se lle acusa, é que a propia acusación é culpábel, pois sinala a quen a emite. Fala, moi claro e moi alto, do mal que están as cousas e da impunidade coa que actúan quen deberían traballar por garantir dereitos e non por crebalos. Por desgracia a nosa experiencia noutros ámbitos tamén nos ensina isto, cando os cargos políticos ou funcionariado que debería velar pola conservación da natureza é quen a está a deixar indefensa ante todo tipo de intereses económicos, mesmo incumprindo as súas propias leis.
Sabela sempre traballou arreo nesta asociación, non só co sacrificio das horas empregadas, senón co cariño e a alegría de compartirmos un colectivo no mellor e máis amplo dos seus sentidos. Non podemos máis que expresar, como Verdegaia, ese mesmo cariño e alegría de continuar a partillar esta loita pola vida con ela e co resto de socias e socios. Non precisamos autos, plenos, ditames nin sentencias para iso. Ningún vai traer ou levar as nosas conviccións, os nosos desexos, o noso amor polo que que de fermoso ten sentirse parte dunha comunidade de afectos e coidados neste noso paso fugaz polo planeta. E como dicía o lema: Terra Viva e Vida Digna para Todas. Defender a Terra Non É Delito!!!