Desde hai 15 anos os países do mundo reúnense para decidir medidas que paren a mudanza climática. En poucos deses cumios se logrou dar pasos efectivos cara ao obxectivo porque, en xeral, aos gobernos faltoulles a vontade política necesaria. Aínda que se recoñece a gravidade do problema e se acepta que está causado principalmente polo uso de combustibles fósiles… reducir ese uso implica profundas mudanzas no sistema económico vixente e mesmo no estilo de vida dos cidadáns e cidadás dos países desenvolvidos.
Hai que se remontar a 1997 para encontrar unha reunión climática con trascendencia histórica, foi na cidade xaponesa de Quioto, que así deu nome ao primeiro Protocolo internacional de redución de emisións, con obxectivos concretos aínda que moi escasos (e aínda menos efectivos) para unhas trinta nacións do daquela chamado "primeiro mundo". Para sermos fieis á realidade habería que contar que o Protocolo de Quioto comezou a nacer en decembro do 97, mais non estivo terminado até 2005! Levou sete anos elaborar un texto legalmente vinculante cuxos obxectivos de redución hoxe todo o mundo recoñece como totalmente insuficientes e que debían cumprirse unha década despois, entre 2008 e 2012.
Independentemente da eficacia ambiental e o grao de cumprimento do vixente Protocolo, é evidente que non podemos permitirnos reproducir os seus complicados procesos de negociación, porque dez anos é o prazo que os científicos do clima dan para deter o aumento das emisións globais de gases de efecto invernadoiro e comezar unha diminución que as sitúe cara a metade de século ao 50% do que se lanzou á atmosfera en 1990. Se non o conseguimos é moi probable que o aumento de temperatura no planeta supere os 2º C e os impactos do cambio climático sexan tremendamente extensos e graves.
Ninguén dubida da dificuldade de reducir emisións na forte contía necesaria, nin da complexidade de lograr un acordo mundial… mais atrasalo só o tornará máis difícil. Se as medidas que cada país tomou para cumprir Quioto, por escasas que sexan, non teñen continuidade após 2012, os sinais de transformación que estaban chegando ás sociedades, perderanse e pódese asegurar que as emisións continuarán crecendo sen control. Precisamos que en 2013 haxa normas para reducir emisións e sexan moito máis ambiciosas que as actuais.
Os países industrializados teñen que asumir a súa responsabilidade sobre o CO2 xa acumulado na atmosfera, por iso e pola súa maior capacidade financeira e tecnolóxica, a súa redución de emisións en 2020 ten que ser do 40% sobre a situación de 1990. Unha redución que debe realizarse integramente no seu territorio, a que se obteña de terceiros países ten que se contabilizar aparte.
Os países recentemente industrializados (China, India, Brasil …) tamén han limitar o crecemento das súas emisións nas próximas décadas. Aínda que é patente a diferenza en toneladas de CO2e por habitante cos países sobredesenvolvidos e teñen dereito a aumentar o seu consumo enerxético, se o fan apoiándose en combustibles fósiles non se poderá evitar un aumento de temperatura perigoso. Os estados industrializados, que xeraron o problema, son responsables de achegar financiamento, tecnoloxía e capacitación social para que atinxan un nível de benestar xusto.
En áspero contraste cos obxectivos necesarios, o que os países industrializados puxeron até agora nas numerosas mesas de negociación alcanza como moito a reducir as súas emisións ao 12% das de 1990 (é dicir, apenas sete puntos máis que as do vixente e moi escaso Protocolo de Quioto!). A situación é un lamentable exemplo do que se chama "falta de vontade política". Por non falar dos avanzos nulos en transferencia de tecnoloxía e recursos ás nacións empobrecidas.
A finais de novembro xa se declara sen pudor que "non queda tempo" para lograr un novo protocolo en Copenhague, e mesmo se fala de adialo un ano enteiro até o seguinte cumio. Mais non é tempo o que falta, é vontade de enfrontar o problema das alteracións climáticas. Os EEUU non poden ser unha excusa para aceptar o bloqueo do proceso porque, aínda que se decidisen a presentar un obxectivo, seguramente será moi insuficiente (tanto como recuperar o seu vello obxectivo de Quioto, – 7%, dez anos despois). A Unión Europea ten que liderar o proceso, demostrar que a crise climática non é menos importante que a crise económica porque un futuro próximo marcado por secas e enchentes frecuentes é un escenario que asegura a extensión da pobreza e os conflitos.
Xa se apuraron demasiado os prazos para elaborar unha nova lei sobre a mudanza climática, pois unha vez que se decida ten que percorrer os parlamentos de todos os estados do mundo que a asinen. Por iso non pode esperarse un ano máis.
Os gobernos talvez, ,mais nós non podemos permitirnos un fracaso en Copenhague.
PARTICIPA!
Día de Acción Global contra a Mudanza Climática (12 de decembro). Pedalada en Compostela
Ciberacción: Actúa contra o cambio climático
A túa mensaxe ao Cumio de Copenhague