bali.jpgEcologistas en Acción sostén que o Cumio do Clima de Bali, que decorre entre o 3 e o 14 de decembro, debe establecer unhas bases ambiciosas na loita contra as alteracións climáticas a partir de 2012. Quioto foi un pequeno paso, mais é esencial e perentorio adoptar medidas de maior calado para evitarmos un cambio climático catastrófico. A Humanidade ten dez anos para construír un novo futuro.

Ese é o prazo que dan os científicos para que a concentración de Gases de Efecto Invernadoiro na atmosfera comece a diminuír. De non ser así, a temperatura media do planeta subirá máis de 2ºC por riba dos niveis preindustriais, e os efectos do cambio climático serán moito máis graves.

Para Ecologistas en Acción cómpre unha redución de emisións do 40% para o ano 2020 e do 85% para metade de século (a respecto de 1990), por parte dos estados máis industrializados (entre eles España) para atinxirmos o devandito obxectivo. Estes estados son os responsables históricos do problema, tanto polas emisións realizadas como pola creación do modelo de desenvolvemento que levou a el.

Polo tanto, o xa famoso Mandato de Bali deberá incluír un reparto de responsabilidades diferenciado e xusto, cun novo mecanismo de funcionamento que garanta unha distribución equitativa das emisións por habitante e o esixible desenvolvemento dos países empobrecidos. Non se pode obviar que, mentre un cidadán europeo medio emite 10,5 toneladas de CO2 cada ano, un chinés emite 4 toneladas  ao ano (por non falar das 20 toneladas dun estadounidense).

Sintetizando: son necesarios límites obrigatorios de emisións para os países máis industrializados, acordos voluntarios de emisións para os países emerxentes, fomento da loita para evitar a deforestación, e transferencia de tecnoloxía limpa a baixo custo, así como axudas aos países empobrecidos para se adaptaren aos efectos do cambio climático.

Máis información:

Área de cambio climático de Ecologistas en Acción

Blog de Quercus sobre a conferencia de Bali

Web das Nacións Unidas sobre a conferencia de Bali