Os pasados  30 de abril e  13 de maio realizáronse en Vigo unhas xornadas sobre a situación actual do saneamento na ría de Vigo. Eladio Torres, da Plataformaraceres falou das loitas veciñais, Paco Díaz,  da Asociación Salvemos Pontevedra, afondou na situación ilegal das depuradoras do Lagares (Vigo) e de Pontevedra, dando tamén unha visión sobre as ilegalidades levadas a cabo pola administración tanto na ría de Vigo como na ría de Pontevedra e a indefensión  dos cidadáns ante o poder económico e o poder político. Participaron tamén Pelayo Míguez e Luis Alfonso Rodríguez, que falaron da contaminación microbiolóxica e química nas augas da ría e como estas inflúen tanto na saúde humana como nos sectores produtivos primarios. E como presentador , o coordinador da Comisión de afectados pola depuradora do Lagares.

Estas xornadas enmárcanse dentro dunha campaña de denuncia da actual situación da Estación de Tratamento das Augas Residuais (ETAR) do Lagares,un dos principais causantes da contaminación da ría, inaugurada no 1997. Cando empezou a funcionar , xa estaba desbordada . Hoxe en día, xa temos outro proxecto, o da nova macrodepuradora que se pretende construír no mesmo sitio cá anterior.

Con estas xornadas, o que se pretendeu foi informar e sensibilizar de que levar a cabo este proxecto de macrodepuradora non só non  solucionará o problema senón que a curto prazo darémonos conta que esta nova depuradora non ofrece ningunha garantía de que se vai depurar nas condicións axeitadas. Todo o contrario, persístese en manter e amplificar os mesmos erros, problemas e deficiencias técnicas da anterior ETAR. Chegado ese momento o desastre medio ambiental e económico para a nosa ría será irreversíbel.

A situación actual da ría de Vigo é desoladora: altos niveis de contaminación microbiolóxica,  de Salmonela e Vibrio parahaemolyticus en augas próximas a núcleos poboacionais, incremento dos niveis de nitritos.

A confluencia na rede de saneamento de augas residuais domésticas con augas pluviais e augas residuais industriais constitúe unha mistura moi heteroxénea de composición moi variable: materia orgánica e nutrientes, microorganismos (bacterias e virus), metais, aceites, compostos orgánicos sintéticos e derivados do petróleo, macropartículas, sedimentos,…
 

Cómpre tomar medidas urxentes, que deben ser medidas rigorosas e serias. Non se pode intentar resolver o problema do saneamento da Ría de Vigo sen facer un estudo de saneamento integral onde estean involucrados tódolos concellos que verten  á Ría, non valen solucións individuais.  Fai falta un estudo serio onde se faga unha exploración das alternativas, valorándose de entre elas as razoábeis e seleccionando aquela alternativa que se considere máis óptima de acordo cos criterios técnicos, biolóxicos, ambientais e sociais.
O vindeiro día 29 de maio, proseguindo con esta campaña de sensibilización e denuncia, faremos un roteiro pola Xunqueira do Lagares, onde está emprazada  a depuradora, unha das zonas máis importantes a nivel de flora e fauna do sur do País e  hábitat prioritario, parcialmente degradado pola súa ocupación pola actual ETAR  e o seu mal funcionamento , así como pola urbanización e infraestruturas circundantes e polos vertidos ao río Lagares de empresas sen ningún control por parte da administración competente.