Outro ano máis, Verdegaia vén de facer a súa convivencia. Desta vez tocou en Muíños, no sur de Ourense, case en Portugal (onde tamén pasamos o domingo, por certo).
O sábado foi chegando todo o mundo (As Pontes, Ferrol, Compostela, Moaña, O Porriño, Ourense…), instalámonos no albergue e déronnos de comer (non houbo moita queixa). Despois de comer e tomarlle un cafeciño, un rapaz dunha asociación de montaña da zona, Rubén Perdiz (graciñas por todo, Rubén) indicounos un roteiro pequeniño pola zona e acompañounos un pouquiño. Logo rematámolo nós sen o noso sherpa e pasámonos un pouco nun tramo, pero chegamos sen novidade. Á noite participamos no típico "magosto popular" onde, ademais de comer e beber, por suposto, incluso amenizaron a festa os/as socios/as das Pontes cos seus instrumentos.
Logo cadaquén fixo o que ben considerou (desde quen durmiu ás 22:00 h ata quen chegou ás 03:00 h despois de coñecer o gando da zona: pub Gallaecia).
O domingo, cunha xeada considerable e unha néboa tamén considerable (a parte mala do sitio é que ten un encoro feito que fai acumular a humidade e a néboa), almorzamos ás 09:30 h, a xente das Pontes tivo que marchar nese momento e quedamos o resto agardando polo sherpa Rubén Perdiz para facer un novo roteiro máis ou menos pequeno.
Fomos ata Portugal, onde fomos á beira do río Homem, atravesámolo (cadaquén como puido, en concreto María Ogando cagadiña de medo, que os ríos impoñenlle moito), seguimos por un camiño e logo volvemos pola estrada. Hai que dicir que tamén é unha zona moi bonita e o río Homem en particular precioso (pedrolos enormes restos da época glaciar, augas limpas correndo….).
De aí fomos ó Aquis Querquennis, campamento militar romano (feito cando se fixo a Vía Nova de Bracara Augusta a Asturica Augusta) que está do outro lado do encoro de onde está o albergue, onde se pode visitar o campamento, o centro de interpretación e bañarse nas augas quentes (e logo nas frías, se alguén ten valor, do encoro).
Soamente romperon a paz algúns cazadores pegando tiros preto da zona e algúns guiris (moitos portugueses que hai sempre nas fins de semana), que ben nos podían ter deixado o sitio todo para nós, pero en fin…
E despois de tomar o sol, bañarnos, visitar o centro de interpretación, etc., cadaquén foi indo para a súa casa tranquilamente.
Para mostra: mirade como quedou Penín.