A Rede Galiza Non Se Vende, da que Verdegaia fai parte,  manifesta, unha vez máis, o seu máis profundo rexeitamento ao Plan Acuícola Galego que nos tenta impoñer a Xunta co consentimento do propio Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, e a calquera Plan que, como este, non respecte a costa virxe, praias, zonas húmidas, cantís, etc.; nin os espazos naturais protexidos ou bens culturais; nin as nosas mellores paisaxes, nin a franxa costeira dos 500m cando existe tecnoloxía dabondo para instalarse fóra dela.

Este plan formula substituír pesca e marisqueo tradicionais por produción industrial en terra. Unha produción que precisa de augas de gran pureza, devolvéndoas contaminadas con antibióticos, exceso de materia orgánica e produtos químicos. Que pode alterar a xenética das poboacións naturais. Que precisa de 3 kg de peixe bravo para producir 1 kg de peixe criado. Que crea menos emprego (195 no total do plan) do que destrúe.

A importancia da piscicultura proxectada é unha falacia, o cultivo de peixe mariño criado é ridículo comparado co cultivo de peixe de auga doce e de moluscos (o total de produción acuícola mundial achegase a un terzo da produción global, mentres que o peixe mariño criado só representa un 2% do peixe mariño capturado).

O plan pretende ocupar dous millóns e medio de m2 en primeira liña de costa, pola simple razón de que alí non se pode facer nada máis e o seu prezo é ridículo. Esta ocupación privatizaría dominio público e servidumes de protección (elimina a concesión administrativa como réxime de ocupación do solo, mantendo para certos casos “necesarios” a expropiación, o que é claramente ilegal e inconstitucional).

Incumpriría a normativa ambiental superior (especialmente os artigos 32, 25 e 110 da LEI DE COSTAS e as DIRECTIVAS AMBIENTAIS) , obviando dúas sentencias xudiciais recentes do TSXG que supoñen unha “ferida de morte” ao Plan Acuícola do PP do 2005 e ao do bipartito do 2008 por motivos medioambientais ou de procedemento.

Incluso pretende legalizar e ampliar a piscifactoría de Mougás en Oia (con orde de derrubo), co obxectivo de beneficiar ás multinacionais do sector, especialmente a unha, Pescanova.

O novo Plan, qué é unha mestura dos 2 anteriores, a excepción de 4 parques que suprimíronse grazas a unha forte contestación social ( Laxe Brava, en Ribeira, Merexo en Muxía, Seiruga en Malpica e Xandriña en Camariñas e Vimianzo: 860.000 m2 en total), rescata o parque de Touriñán en plena Rede Natura (polo tanto, son 503.000 m2 menos que o Plan do bipartito), e está pendente de aprobación definitiva en decembro, o que suporía un total de 20 parques e afectaría a 10 espazos protexidos, (o 42% da extensión total). A súa ilegalidade é manifesta.

Por iso, esiximos aos responsables da Xunta, que acaban de aprobar o Plan Sectorial do Parque de Tal -no lugar da Piela en Muros, na ría mellor conservada das Rías Baixas, lugar paradisíaco de grande valor paisaxístico, ambiental e de interese marisqueiro-pesqueiro- así como aos do propio Ministerio de Medio Ambiente -que teñen a tutela da costa-, que non prevariquen e non leven a cabo o que, segundo o noso xuízo, constitúe un gravísimo delito ecolóxico a grande escala.

É a súa obriga defender a costa galega e defender o interese xeral (costa virxe, espazos naturais, patrimonio cultural, paisaxes marabillosas e únicas, recursos pesqueiros e marisqueiros…).

Aplaudimos a recente sentenza do TSXG declarando ilegal a piscifactoría de Rinlo por estar proxectada en Rede Natura e agardamos que sirva de advertencia para a multitude de proxectos eólicos, hidroeléctricos, de portos, etc, proxectados actualmente ocupando espazos nos que a protección non pode ser só nominal.

Tamén esiximos á Comisión Europea que cumpra coas súas obrigas, defenda a Rede Europea Natura 2000 e as Directivas ambientais e non conceda máis fondos dedicados á destrución do noso patrimonio natural e cultural e á especulación e privatización.

A RGNSV seguirá loitando e levando a cabo todo tipo de medidas de acción pacíficas en defensa do noso litoral e espazos protexidos esixindo un Plan Integral de Defensa e Protección do Litoral Galego e non un “Plan de Privatización, Destrución e Saqueo” propio dunha sociedade que vende e destrúe un dos seus máximos tesouros. A rexeneración ambiental e integral das nosas rías constituiría o mellor Plan de Acuicultura posible e o único verdadeiramente sustentábel.