Verdegaia quere denunciar publicamente a captura indiscriminada de cabalos que se está a realizar nos concellos de Pazos de Borbén, Mondariz e Fornelos de Montes, por parte de comunidades de montes, concellos e da propia Xunta de Galiza. Estas batidas, que afectan tamén ao gando vacún en extensivo, ameazan con estenderse ademais a outros concellos do noso país. Os cabalos apresados pertencen á raza autóctona galega, rexistrada de maneira oficial como Cabalo de Pura Raza Galega – PRG. Habitan entre outros espazos na serra do Suído, Coto de Eiras e monte Saramagoso, en réxime de liberdade e cun coidado mínimo por parte humana. O destino final destes cabalos será previsibelmente o sacrificio, mentres as vacas capturadas serán incineradas sen excepción. Como noutros conflitos que se veñen producindo no noso país entre a fauna salvaxe e as actividades humanas, a Xunta optou por unha solución salomónica, decidindo o exterminio dos animais como única solución.
O cabalo galego de monte é unha variedade autóctona galega que forma parte do grupo dos ponis atlánticos. Mais a diferenza doutros países europeos onde as súas autoridades protexen e tutelan estas razas, promovendo activamente o seu coidado en réxime de liberdade ou semiliberdade, a Xunta de Galiza pretende erradicar as poboacións silvestres deste cabalo, pese a tratarse dunha variedade autóctona incluída no Grupo de Razas Autóctonas en Perigo de Extinción polo Real Decreto 2129/2008. A administración galega non pode alegar que estes cabalos teñen propietario para privalos da súa condición de “ben natural de dominio público”, que si os ampararía se fosen considerados pola mesma como “fauna silvestre” (Decreto 142/2012). O cabalo galego de monte constitúe un elemento irrenunciábel do patrimonio natural galego, tanto pola súa singularidade como pola súa excepcional adaptación aos ecosistemas de media montaña.
Facemos un chamamento público á Xunta de Galiza para que se faga responsábel da conservación do cabalo galego de monte no seu medio natural, protexendo deste modo toda a biodiversidade que depende dunha maneira ou outra da continuidade desta especie nos nosos montes. Entre a flora e fauna afectadas existe un elevado número de especies e diversas comunidades vexetais catalogadas e amparadas pola lexislación comunitaria (Directiva Hábitats –Directiva 92/43/CE, Directiva Aves –Directiva 2009/147/CE…). Como administración con competencias en conservación da natureza, a Xunta de Galiza non pode pór en perigo irresponsabelmente unha parte significativa do noso patrimonio natural, patrimonio que ademais está obrigada a protexer.
Cómpre que a Xunta de Galiza modifique o actual Decreto Equino (Decreto 142/2012), unha lexislación moito máis agresiva co gando en liberdade do que a propia lexislación comunitaria esixe, que está a levar na práctica á desaparición do cabalo autóctono. A administración debe sentarse, dunha vez por todas, a negociar cos propietarios destes cabalos e co resto de partes interesadas, para, conxuntamente, consensuar unha nova regulación que permita a supervivencia do cabalo galego de monte e a continuidade do manexo do cabalo en réxime de liberdade, nas serras e espazos naturais do noso país.
Desde a nosa asociación defendemos que os cabalos de monte sexan identificados de maneira clara, entre outros motivos para frear certas prácticas ilegais que provocan un sufrimento innecesario nestes animais, como é o uso de trancas e pexas. Tamén demandamos unha ordenación dos usos do monte que integre os distintos tipos de explotación e a conservación da biodiversidade, unha ordenación que procure minimizar os conflitos entre a explotación en extensivo de cabalos e gando doméstico, e a agricultura e a xestión forestal.
Un dos aspectos que se teñen alegado para xustificar esta campaña de capturas, os accidentes de tráfico como resultado do atropelo de cabalos, deberían ser afrontados con sentido común, adoptando diferentes estratexias adaptadas ás distintas tipoloxías de vías de comunicación existentes. Tendo en conta ademais que este problema afecta tamén a distintas especies de gando doméstico e á propia fauna salvaxe.