Verdegaia, xunta a outros colectivos, unímonos na Plataforma contra a Ampliación da Autovía AG59 Teo-A Estrada por que considereamos unha obra innecesaria: 7,5Km por 48 millóns de euros e que atravesa o Río Ulla por unha área ZEC da Rede Natura 2000.
Comunicado cos motivos polo que nos opoñemos a esta infraestrutura que consideramos dañina para a biodiversidade, o hábitat e a comunidade local
- O dano irreparable dunha zona autóctona, de gran beleza paisaxística, fluvial e botánica, Zona de Especial Conservación (ZEC) do “SISTEMA FLUVIAL ULLA-DEZA”, formando parte da REDE NATURA 2000 e a 600 metros da Burga catalogada como LIC (Lugar de Interese Comunitario). Construindo un viaduto de 40 metros con 4 carrís e un paso inferior, perxudicarían irreversiblemente a biodiversidade e os seres vivos de hábitats especialmente protexidos.
- A urxente crise climática que nos obriga a repensar a utilización dos recursos limitados nun planeta finito. Entre os dous tramos (Ramallosa – Pontevea AC-241 e ata O Rollo co enlace PO-841) a actuación inclúe 15 novas estruturas: viaduto do río Ulla, viaduto do río Vea, viaduto de Santa Lucía, 7 pasos inferiores, 3 pasos superiores e 2 muros. No estudo de impacto ambiental, opaco e insuficiente, alegan que a magnitude de emisións de gases de efecto invernadoiro producido pola maquinaria e material utilizado na construción será detallado tras a súa realización… Como é iso posible nunha análise do impacto ambiental?
- A existencia dunhas infraestructuras actuais suficientes, xa que a diferenza no traxecto de Santiago até A Estrada tras todo este investimento (material, económico, ambiental e humano) calcúlase nun aforro aproximado de 5 minutos en 7,5 km que pasarían por parte do rural dos Concellos de Teo e da Estrada. Poderían estudarse outras alternativas para diminuír o tráfico, reducir ou quitar as peaxes da autoestrada AP-9 para os vehículos que van dirección Cuntis-Vilagarcía-Pontevedra; aproveitar outras estradas e pontes xa construídas; fomentar o transporte público e colectivizar o transporte como medida clave para reducir a pegada ecolóxica… entre as múltiples opcións que existen menos dañinas para o medio.
- O crecente despoboamento rural galego debido, entre moitas outras cousas, ás insistentes planificacións de estradas que conectan urbes e esquecen e apartan o centro da vida: o rural coas evidentes consecuencias na economía local da zona.
- O coidado dos montes e os ríos galegos, esenciais para a vida humana, sendo esta zona de monte autóctono e beleza indescriptible, sobrevivindo até agora á eucaliptización masiva, aos lumes e á creación de estradas non prioritarias.
- Innecesario e absurdo investimento de diñeiro en tempos de crise que pode ser utilizado en medidas para adaptarse ao cambio climático, en apoiar ás familias en situación de vulnerabilidade, en apoiar a economía rural sustentable, en xerar empregos verdes, en Saúde ou en Educación… en ámbitos da Vida realmente esenciais e fundamentais.
- A débeda ecolóxica dos países industrializados cos países do Sur Global. A pegada de carbono e a desigualdade entre os países do Norte e do Sur no acceso e distribución dos recursos require cederlle espazos e privilexios a países empobrecidos na mellora das súas infraestruturas coa activa e firme responsabilidade ambiental dos países do Norte.
Con isto pedimos e esiximos á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia a retirada deste plan de ampliación da autovía AG59, acorde aos obxectivos da axenda 2030 de desenvolvemento sustentable (ODS) e facendo un chamado ao Ministerio de Transición Ecolóxica e ás políticas ambientais da Unión Europea que non poden permitir nin aceptar o impacto socioambiental desta obra
Así mesmo, durante o período de información pública do estudo de impacto ambiental aproveitamos para DENUNCIAR E REXEITAR este proxecto, lanzar este comunicado e recollendo sinaturas en contra da ampliación da autovía AG59.
E difunde nas redes sociais: #StopAmpliacionAG59 #SOSULLA #NonMáisAutovíasEmerxenciaClimática #ColectivizaOtransporte