Este é o texto completo do anuncio:
O 22 de Marzo é o Día Mundial da Auga e o tempo está a pasar sen que os países doadores tomen medidas sobre a crise humanitaria e ecolóxica da auga que deixa un billón de persoas sen acceso a auga limpa.
Durante a última década, a Comisión Europea promocionou persistentemente a participación do sector privado nos servizos de saneamento e auga. Porén, experiencias de Bolivia, Guiana, Tanzania e outros lugares, demostran que os servizos de auga privatizados non realizan os investimentos ou ganancias en eficiencia necesarias para subministrar auga a prezos razoables ás persoas pobres das cidades.
A pesar destes fallos, a Comisión continúa coa promoción de políticas e mecanismos de financiamento para animar ao sector privado a se involucrar no subministro de servizos de saneamento e auga mentres presionan ao mesmo tempo aos países pobres para que abran estes sectores ás multinacionais europeas.
Agora, esiximos cambios nesta formulación, cambios que recoñezan que o acceso á auga é un dereito humano e que doten aos países pobres do apoio necesario para facer deste dereito unha realidade.
Mundialmente, o 90 por cen do fornecemento de auga potábel provén das autoridades locais, con fortes empresas públicas no Brasil, India, Uganda e outros lugares que subministran servizos de saneamento e auga a cada vez máis persoas. O reto é potenciar estes bos resultados, mellorando outros subministradores públicos.
Apoiamos os comentarios recentes sobre a intención da Comisión de introducir políticas de “axuda-intelixente”. En relación coa auga e o saneamento, isto debería significar que a Unión Europea:
- Deixar de empregar orzamentos de axuda para o desenvolvemento na promoción da implicación do sector privado.
- Deixar de lado as peticións de acceso ao mercado nos convenios comerciais.
- Aumentar considerabelmente as axudas e investimentos públicos no sector.
- Apoiar o desenvolvemento de empresas públicas fortes no Sur do Globo mediante “asociacións entre empresas públicas” que permitan o intercambio de experiencias entre subministradores públicos traballando man a man coas comunidades locais.
Máis información:
World Water Day
Privatización da auga con diñeiro da Cooperación europea