Verdegaia prosegue coa súa campaña de erradicación de herba do coitelo (Carpobrus edulis e C. acinaciformis) dos areais galegos no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia cunha actuación de erradicación na Illa de Sálvora os vindeiros días 15 e 16 de setembro. A actividade estará coorganizada co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
A actuación de erradicación de herba do coitelo consistirá na extracción manual desta especie dalgunhas zonas da illa onde é abundantísima gracias á plantación masiva levada a cabo no lugar durante o século pasado e contará coa presenza de quince voluntarios e voluntarias de Verdegaia.
O método de extracción será moi simple e consistirá en retirar as prantas do areal coas mans cubertas con luvas e sen axuda de ferramentas tendo moito coidado de non deixar ningunha parte da pranta na zona de actuación para evitar posteriores rebrotes. Os restos vexetais meteranse en sacos erméticos e deixaranse descompor na mesma illa.
Con esta campaña de erradicación de herba do coitelo, Verdegaia pretende realizar actuacións puntuais que axuden a mellorar o estado de conservación dos ecosistemas litorais, que xeneren un debate social arredor desta e outras especies alóctonas presentes en Galicia e que incentiven ós propios concellos e administracións a levar a cabo medidas de conservación nas dunas, areais, e ecosistemas costeiros en xeral.
As dúas especies de herba do coitelo presentes nos areais galegos son de orixe sudafricana, aparecendo subespontaneamente en zonas de praia ou recubrindo rochas litorais.
Ó contrario do pensamento habitual de que a herba do coitelo é unha pranta propia de Galicia (xa que a xente a leva vendo nos areais dende fai moitos anos) e que é moi bonita e inofensiva, a herba do coitelo xenera importantísimos danos nos ecosistemas litorais como a extinción das especies autóctonas nas zonas onde se asenta, a homoxeneización do ecosistema, o freo ó tránsito de area polas dunas onde está presente,… co que a súa erradicación é a única medida posible para manter en bo estado de conservación os lugares onde aparece.